A Plataforma composta por veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, todas elas pertencentes ao Concello de Xinzo de Limia, rexeitan a construción dunha mina de feldespato a ceo aberto que a empresa MINECER SL de CASTELLÓN, cun investimento de 1,2 M de euros, pretende levar a cabo nas inmediacións dos núcleos destas poboacións. A explotación mineira afecta a terreo agropecuario e cultivable dun total de 396 hectáreas.
O impacto económico deste proxecto sobre as poboacións afectadas, destruirá máis dun cento de empregos, dos cales case a súa totalidade son autónomos agrarios na zona (base da economía local) para crear só 10 posto dos cales 3, son de técnicos altamente cualificados.
O proxecto conta co posicionamento en contra do goberno municipal (PP) así como de tódolos partidos políticos con representación no consistorio limiao (PSdeG-PSOE, BNG, APGa, AIDAL, ANOVA), plasmado nun acordo plenario aprobado por unanimidade o 19 de Xullo do 2012.
Ademais do rexeitamento político e de sindicatos, os veciños da zona levaron xa a cabo varios centos de reclamacións ante a Xunta de Galicia.
A razón de todo isto, a Plataforma Corno do Monte que integra os veciños dos lugares afectados fan un chamamento a tódalas forzas políticas para que se integren na plataforma coa fin de coordinar conxuntamente tódalas accións necesarias para evitar que este proxecto prexudicial para a zona se leve a cabo.