Arquivo por meses: Febreiro 2013

Nace a Plataforma “Corno do Monte” en contra da explotación mineira de Feldespato

Reunidas máis dun cento de veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, todas elas pertencentes ao Concello de Xinzo da Limia, decidiuse por unanimidade crear a Plataforma “CORNO DO MONTE”.

A iniciativa xorde ante a preocupación veciñal acerca da posibilidade de explotación mineira da zona por parte da empresa MINERCER, S.L. cuxo proxecto Faramontaos 5089.1 se atopa en período de exposición pública, previo á resolución da Xunta de Galicia de conceder ou non licenza para dito proxecto.

Desde a Plataforma “Corno do Monte” manifestamos a nosa total oposición á explotación mineira de feldespato por considerarmos que:

* Supón unha ameaza directa para o benestar e calidade de vida

* É incompatible coa actividade agraria, fonte de recursos económicos da zona, ademais de estar situada en terreos de especial interese agrario

* A declaración de impacto ambiental que expón a empresa é incompleta e insuficiente

* Os accesos ás aldeas e zonas agrícolas veríanse gravemente prexudicados polo tránsito de camións de grande tonelaxe

* Destruiría empregos relacionados coa agricultura

* Incrementaría o abandono rural

* Tería unhas consecuencias ambientais e sociais sen retorno

A nosa posición, lonxe de querer polemizar, pretende ser unha canle mediante a que organizarnos e loitar polo ben común desde as bases sociais. E unímonos ao acordo tomado en sesión plenaria do 19 de xullo de 2011, polo que todos os grupos políticos con representación no Concello de Xinzo de Limia, asinaron unha moción conxunta instando á Xunta de Galicia a que procedese á denegación da concesión de dereitos mineiros. Así como daquela xa se presentaran preto de 500 alegacións, desta volta non queremos deixar de seguir coa nosa frontal oposición a este proxecto, polo que se presentarán novas alegacións ante a Consellería de Economía e Industria no prazo legal establecido.

Así pois, a vindeira semana haberá unha nova xuntanza veciñal aberta na que o grupo de goberno do Concello de Xinzo de Limia (Partido Popular) se comprometeu a expoñer a situación actual de dito proceso.

Por último, sinalar que esta Plataforma popular nace con ansia de permanencia no tempo, para unir esforzos ante outros temas de interese veciñal.

En San Pedro de Laroá, a 14 de febreiro de 2013