A Plataforma Veciñal Corno do Monte concentra varios centos de persoas en Xinzo

Este mércores 27 de marzo, ás 12 da mañá a Plataforma Veciñal Corno do Monte concentrou a carón do Museo do Entroido varios centos de persoas en contra da Mina.

P1080182

As expectativas da Plataforma Veciñal Corno do Monte foron superadas e varios centos de limiaos concentráronse nas inmediacións do Museo do Entroido de Xinzo, para protestar contra a mina de feldespatos que a empresa Minercer S.L. de Castellón pretende levar a cabo en varias parroquias do concello limiao.

A ela asistiu veciñanza de toda a comarca, comerciantes, empresarios, representantes de organizacións ecoloxistas, organizacións sindicais como o Sindicato Labrego Galego ou a Confederación Intersindical Galega. Tamén acudiron representantes de tódolos grupos políticos entre eles representantes do goberno municipal e do PP, do PSdeG – PSOE, BNG, Galiza Nova, Anova, CxG e outros.

O acto transcorreu coa continua participación do público asistente con cantos como “A mina ou nós” “Na Limia non a Mina” “Non a mina” “quen queira feldespatos que vaia a Castellón” “A Xunta decide: A mina ou nós”

P1080175

A presidenta da Plataforma Veciñal, Maricarmen Díaz, leu un manifesto en contra da mina no que lembrou en que consistía o proxecto. Reivindicou tamén o dereito dos veciños a vivir nas súas casas e nas súas aldeas, xa que se a mina vaia adiante, segundo contempla o propio proxecto iso vai ser imposible.

A presidenta da Plataforma Veciñal aproveitou a ocasión para anunciar que os dereitos de explotación de Minercer van dende Ganade a Sarreaus, polo que no futuro sería posible que se levase a cabo outra mina das mesmas condicións no termo municipal e comarcal. Por elo reivindicou que este proxecto prexudicial afecta a todos, xa que hoxe somos nós pero mañá pode ser calquera outro pobo da zona.P1080164

Deu conta de que se seguirán a facer concentracións cidadás no mesmo lugar en tódalas feiras do 27, ata que a Xunta entenda “que non se nos pode quitar o que é noso, que non se poden tomar decisións en contra do bo xuízo, nin se poden tomar decisións en contra dos intereses da Limia e finalmente non se debería escoller unha mina en contra das persoas que vivimos e traballamos aquí” facendo alusión aos máis de 210 empregos directos e outros tantos indirectos que se destruirían se a mina vai adiante.

Para rematar sinalou que “non o vamos consentir de ningún xeito, loitaremos ata o final aínda que dure os trinta anos que pode durar a concesión, nin hoxe nin nunca vamos consentir que nos quiten o noso”

 A MINA OU NÓS

aaa

A concentración transcorreu baixo o lema “A MINA OU NÓS”. Varios asistentes entre eles xornalistas quedaron impactados con el. En palabras da portavoz da plataforma veciñal “o lema soa forte porque o que pretenden facernos é moi forte” “o lema transmite a perfección o que nos está a ocorrer”. “A Xunta ten que escoller entre a mina ou nós”

AGRADECEMENTOS

P1080162Dende a Plataforma Veciñal Corno do Monte queremos agradecer a asistencia de toda a veciñanza da Limia, dos empresarios e comerciantes, ás organizacións sindicais en especial ao Sindicato Labrego Galego, aos grupos políticos, a Policía Local de Xinzo que se mostrou colaboradora e facilitou en todo momento que o acto transcorrese con plena normalidade e a tódalas persoas que nos apoiaron e levan apoiado ata agora.

P1080167