O SLG apoia a manifestación convocada este sábado en Xinzo de Limia pola Plataforma Veciñal Corno do Monte contra a mina de feldespato

Comunicado do Sindicato Labrego Galego. 25 de Abril do 2013

O Sindicato Labrego Galego apoia a manifestación do 27 de abril en Xinzo convocada pola Plataforma Veciñal Corno do Monte -composta por veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos- en contra do proxecto mineiro Faramontaos 5089.1, de Minecer SL, para a extracción de feldespato.
Dende o SLG, animamos a toda a nosa afiliación na bisbarra da Limia a participar e apoiar a marcha de protesta que partirá do Museo do Entroido (rúa 2 de maio), as 12:00 horas.
O Sindicato Labrego Galego xa presentou alegacións contra este proxecto mineiro que ameaza máis de 400 hectáreas de terras de labor das máis fértiles de Galiza, cun potencial produtivo de 18 millóns anuais de quilos de pataca 2, e onde se fixeron fortes investimentos en agricultura entre os que se atopan tres concentracións parcelarias e as instalacións de regadío da Comunidade de Regadores Corno do Monte, que abastecen de auga 1,257 hectáreas.