Nota de Prensa da P. V. Corno do Monte do día 18 de Maio do 2013
Os representantes da Veciñanza denunciaron en Bruxelas o proxecto que MINERCER SL quere levar a cabo co aval da Xunta.
O pasado mércores 15 de Maio, representantes da veciñanza afectada pola mina de feldespatos compareceron directamente en Bruxelas perante o Parlmanento Europeo grazas as xestións da eurodeputada galega Ana Miranda do BNG. Alí expuxeron o proxecto que pretende levar a cabo a empresa MINERCER SL e que afecta a varias parroquias do concello limiao.
As representantes incidiron en que a Xunta decidiu que Galicia era unha mina sen o consentimento dos galegos, en particular o caso da Limia. Lembraron aos Eurodeputados os investimentos e subvenicións para o desenvolvemento e modernización do agro galego e limiao, xa que esta mina vai acabar coa agricultura e a gandería, polo que estes investimentos realizados van ser tirados ao lixo.
Tamén lles preguntaron aos eurodeputados como é posible que unha empresa depredadora se beneficie para que 210 persoas perdan o seu emprego se só vai crear 10, dos cales 3 son postos altamente cualificados.
A vez cuestionaron a importancia dun mineral como o feldespato tendo en conta a crise do sector da construción. A intervención rematou coa pregunta de “¿que farían vostedes se lles arrebatasen o futuro dos seus fillos?
As representantes da Veciñanza destacaron que en Europa a diferencia de Santiago e Madrid, “si nos coñecían e sabían perfectamente de onde viñamos”. Así mesmo, os eurodeputados quedaron sorprendidos ante o plan sectorial mineiro que pretende aprobar a Xunta. Nembargantes un dos feitos que máis os sorprendeu foi que unha comarca como a Limia, no que levan realizados investimentos millonarios a través de subvencións, axudas e outras medidas, teñan outorgados dereitos mineiros no corazón da zona agro-gandeira.
Os representantes da Limia, xunto a representantes de outras zonas de Galicia, denunciaron o plan sectorial de minas que a Xunta pretende levar a cabo, xa que faría de Galicia outra Castela deserta e improdutiva.
CONCELLO CERO A ESQUERDA
Así mesmo, os representantes veciñais queren lembrar que segundo o artigo 22.3 da lei 3/2008 de Minería de Galicia, se o concello denega a licenza municipal esta pode ser outorgada polo Consello da Xunta, é dicir, que a lei quítalle ao concello de Xinzo a capacidade legal de impedir que a mina de feldespatos se asente no municipio.
Aproveitando o consello do Alcalde de que actuemos nos lugares que corresponde, a Plataforma Veciñal vai solicitarlle ao concello os seus servizos xurídicos para que asesoren das posibles medidas legais que se poden tomar.
TRACTORADA: A MINA OU NÓS
Este sábado 25 de Maio ás 10.30 arrincará do Toural unha tractorada contra a mina de feldespatos, a que están convocados tódolos cidadáns, agricultores e axentes sociais, políticos e culturais de Galicia.