A PRESIÓN VECIÑAL DA FROITOS EN XINZO

Os representantes da veciñanza afectada pola mina de feldespatos sinalan que a tractorada destes sábado 25 xa está surtindo efecto.

A campaña de “a mina non ven” que están levando a cabo o alcalde de Xinzo e o conselleiro de Medio Ambiente, son o mellor indicador de que a presión da veciñanza limiá está surtindo efecto, xa que “están moi nerviosos”.

Dende a Plataforma Veciñal, indican que “hai que ser moi cautelosos” xa que “os titulares nos xornais non denegan a concesión”, “o único que a denega é unha resolución negativa do Consello da Xunta e a súa correspondente publicación nos lugares que corresponde”.

Así mesmo destacan que “a presión dos tractores está surtindo efecto” e indican que “estamos por pouco” para lograr que o proxecto de MINERCER SL vaia abaixo. Por esta razón, os representantes dos veciños fan un chamamento a que toda a Limia e toda Galicia acuda a esta tractorada, para que a Xunta teña moi presente a hora de decidir “a mina ou nós”.

Incoherencia

Resulta curioso que o Conselleiro responsable dunha das consellerías que emitiu informes favorables veña agora dicir que o proxecto mineiro é inviable. Dende a veciñanza insísten unha vez máis, pois non dan contestación ao respecto de por qué a consellería de medio ambiente emitiu informes favorables.

Supramunicipalidade

O Concello sen capacidade de decidir. Exemplo claro deste feito, é o que ocorreu en Castrelo de Miño, no que o Concello lle denegou a licenza a empresa mineira, pero a Xunta amparándose na lei, deulla pasando por encima do ente local.