Arquivo por meses: Decembro 2013

Resposta da rede ContraMINAcción ao Colexio Oficial de Xeólogos de Galicia

ContraMINACCIÓN rexeita a tosca manipulación á que se presta o Colexio Oficial de Xeólogos a través do seu presidente, Luis Suárez Ordóñez, apoiando o proxecto mineiro de Corcoesto. O contido da declaración non deixa lugar a dúbidas da súa postura totalmente en liña cos intereses empresariais dos promotores do proxecto, sen que sexa doado distinguir onde comeza a posición do Colexio e onde remata a da empresa. Talvez este sexa o motivo polo que se cae nos mesmos argumentos, tantas veces cuestionados por diferentes organizacións, incluída ContraMINAcción.

 

Unha primeira manipulación vémola no insistente e falso –en termos científicos– intento de ligar a actividade mineira co concepto de sustentabilidade. Falar de minaría sustentable ou de “explotación sustentable” dos recursos mineiros é un claro exemplo do que se define como oxímoro. Non se pode chegar a unha contradición maior que falar de sustentabilidade ao tempo que se explotan recursos non renovábeis e se pon en perigo a saúde e o ambiente. Nestas circunstancias, calquera iniciativa de que as xeracións futuras poidan gozar duns recursos nas mesmas condicións que a nosa é unha imposibilidade manifesta. Até certo punto podería ser obxecto de debate científico que forma de explotación dos recursos non renovábeis resulta menos lesiva ou nociva ambientalmente, mais que exista unha actividade con posibilidades de permanencia no tempo que garanta aos nosos fillos e fillas, netos ou netas, poder seguir manténdoa cara o futuro só está garantido nos recursos renovábeis –na produción de alimentos, de recursos forestais, pesqueiros, etc.– e sempre que estes sexan utilizados evitando a súa degradación ou a destrución da capacidade de rexeneración. Por tanto, e por definición, o uso dos recursos mineiros é un uso insustentábel, independentemente do tipo de minaría que se practique. Isto percíbese facilmente cando atendemos, por exemplo, aos datos sobre como está a evolucionar o esforzo mineiro a realizar, as toneladas de terra a remover, a lei do mineral que se obtén, etc.

 

Resulta especialmente molesta a referencia pouco sutil á suposta ignorancia das persoas que se opoñen abertamente ao proxecto mineiro de Corcoesto. Máis molesto se cabe se estas palabras son emitidas por quen representa a un “Ilustre Colexio Oficial” de profesionais titulados na universidade, atribuíndose unha sorte de exclusividade no acceso á información e unha capacidade de raciocinio propio dunha sociedade estamental ou de castas. Mais a ciencia tamén ten demostrado que calquera ser humano, polo feito de selo, está dotado desa capacidade e que cando se nos di que “o descoñecemento de parte da cidadanía sobre a orixe destas materias primas, provoca movementos de oposición baseados na desconfianza, pero que carecen de fundamento científico”, sabemos que estamos diante dunha afirmación que constitúe unha falacia denominada argumento ad hominem, é dicir, unha argumentación que pretende establecer a falsidade dos postulados dos que se opoñen ao proxecto mineiro atribuíndolles un descoñecemento científico suposto sen que se entre a razoar onde residen os erros dos argumentos antimineiros ou, con demostracións científicas verificables, onde se acha a suposta ausencia de fundamento científico. Ao tempo esta falacia sopórtase noutra do tipo argumentum ad verecundiam, é dicir dar por suposto que tais coñecementos científicos e, polo tanto, a razón están do lado do Colexio Oficial de Xeólogos porque teñen a autoridade na materia. Sobra dicir que tais argumentos falaces van en contra de calquera razoamento científico serio. Por iso afirmamos que o que nos sobra é ese coñecemento científico que se nos quere negar, e dese coñecemento científico vén a certeza das razóns para a desconfianza. Por se non for suficiente existen evidencias do modo de traballar das transnacionais mineiras denunciadas en todo o mundo e mesmo polas Nacións Unidas para saber que o que menos se pode facer é confiar nelas, nin deixarse levar polos seus cantos de serea. Sabemos de onde veñen esas materias primas, quen as manexa e a onde van. Tamén sabemos que sempre hai mercenarios –mesmo con titulacións universitarias– dispostos a poñerse diante das batallas promovidas por outros e que, calquera que sexan as armas ou estandartes que enarboren, iso non lles outorga a razón. Por moi colexiados universitarios que sexan por moito que metan a palabra ciencia no medio dos seus argumentos, por moito que insinúen a ignorancia dos demais, a razón, os criterios de verdade ou erro, non se teñen por quen argumenta senón polo contido do argumentado. E nese debate aberto e público estámolos agardando desde hai tempo, cando queiran.

Nas declaracións do sr. Luís Suárez, tamén se afirma que”existen solucións científicas, tecnicamente viables, a todos os problemas que se propoñen na explotación”. É curiosa a forma en como se expresa ou redacta, acaso propóñense problemas na explotación?, mais ben a empresa négaos insistentemente e os demais denunciámolos. Esas “solucións científicas, tecnicamente viables” –a cales se refiren? ás cacarexadas pola empresa?– son, como moito, paliativos, é dicir, mitigan o dano mais non o evitan nin reverten o problema. As solucións para selo, deben remediar os problemas, é dicir, evitalos, previlos ou facelos desaparecer. Até agora nada do presentado evita, prevén ou fai desaparecer os problemas coñecidos e os non recoñecidos.

 

É magoa que o representante do Colexio Oficial de Xeólogos non coñeza o fenómeno dos pobos mineiros fantasma que se estenden por todo o planeta, e mesmo non distingan os efectos segundo o tipo de minaría, o tempo de explotación do xacemento, os efectos negativos sobre as estruturas sociais e económicas de tantos lugares. Doutro xeito, de coñecelos, con certeza non afirmaría tan alegremente que “as minas son motores económicos das súas comarcas e unha vez restauradas convenientemente poden e deben achegar oportunidades de actividade económica alternativa”. A que alternativas se refire? Enuméreas, por favor. Acaso será o turismo de catástrofes? Aulas ambientais para ver o que non debeu ser? Parque de atraccións de risco (de saúde)? Laboratorio de economía insustentábel? Se como afirma “os exemplos destes feitos son numerosos”. Díganos onde? Cantos? Cales deles serían trasladábeis, como e por que ao caso de Corcoesto? Desexamos sabelo e velos. E non será, señor Suárez, que hai máis numerosos exemplos do contrario?

 

Para rematar, ContraMINAcción congratúlase da afirmación final de que “o noso benestar tamén sae da terra”. Aí falaron, non poderíamos estar máis de acordo. Estamos de acordo na súa literalidade mais non o que pretenden dicir con ela. O noso benestar sae da terra mais non vén da minaría senón dos alimentos que a terra nos fornece, da auga e os ciclos de autodepuración natural, do ar limpo, dos bosques e ecosistemas que manteñen a biodiversidade, etc. Ese é o benestar que queremos preservar, o que, cientificamente falando, pode ser definido como sustentable.

 

Advertisements

As principais formacións políticas galegas xa teñen a táboa reivindicativa de ContraMINAcción para evitar o saqueo do noso territorio a man das empresas mineiras

30 de novembro de 2013

Na xornada de onte, 29 de novembro, mantivéronse encontros con PP, BNG e AGE
A plataforma contraMINAcción continuou onte, 29 de novembro, a súa rolda de contactos cos partidos políticos de maior representación na Galiza co obxectivo de trasladarlles unha táboa reivindicativa (achégase xunto a este comunicado) con 13 medidas para poñer a salvo o noso territorio da depredación destrutora e lucrativa da minaría salvaxe. Tras facelo a semana pasada co PsdG e CxG, desta vez as xuntanzas foron co Partido Popular (PP), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Nesta ocasión, representaron a ContraMINAcción Isabel Vilalba Seivane e Margarida Prieto Ledo (Sindicato Labrego Galego), Paco García Trigo (Plataforma en defensa de Corcoesto), Marcos Celeiro (O Iribio), María Díaz (Plataforma Veciñal Corno do Monte) e Xoán Doldán (Véspera de Nada).
A primeira das xuntanzas tivo lugar no Parlamento de Galicia cos deputados do PP, Miguel Tellado e Aurelio Núñez, que escoitaron as propostas de ContraMINAcción e se comprometeron a trasladarllas ao seu grupo parlamentario e aos responsables no goberno da Xunta en áreas como Medio Ambiente ou Industria. En concreto, compartimos cos deputados populares a nosa fonda preocupación diante de accións políticas da Xunta encamiñadas a eliminar os obstáculos legais que existen para impedir que as empresas mineiras saqueen o noso territorio ao seu antollo: o borrador do Plan Sectorial de Actividades Extractivas ou a modificación que se quere levar a cabo da Lei do Solo apuntan nesa dirección, deixando indefensos o solo de especial protección agropecuaria, os espazos de interese natural ou os recursos hídricos, diante de actividades destrutoras e especulativas a curto prazo como a minaría.
Outro dos impactos denunciados ten que ver coa inexistencia de leis que obriguen ás empresas mineiras a reparar toda a desfeita que deixan tras súa. Tristemente, na Galiza xa temos sufrido en demasiadas ocasións actividades mineiras que, ao rematar, deixan grandes áreas erosionadas nas que desapareceu o solo; fontes, mananciais e ríos extinguidos; perda de postos de traballo e desaparición de actividades económicas ligadas ao territorio agredido; ou balsas de lodos tóxicos e contaminación permanente da terra e da auga. Trátase de danos irreparables ou cuxa rexeneración esixe un altísimo custe que sempre acaba pagando a cidadanía. Precisamente, os 13 puntos da táboa reivindicativa de ContraMINAcción abordan todas as problemáticas devanditas.
No encontro co Bloque Nacionalista Galego (BNG) -representado por Xavier Vence, Ana Pontón e Saleta Chao- analizouse a proposta que presentaron no Parlamento de Galicia, esta mesma semana, para prohibir o uso de cianuro en explotacións mineiras, e que foi rexeitada pola maioría do PP.
Pola súa banda, representaron a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE): Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez García e Manuel Santos. Con eles, coincidimos na preocupación pola perda de superficie agraria útil que está a sufrir Galiza por mor do acaparamento de terras a mans de empresas que operan a curto prazo e que, como as mineiras, non teñen nada que ver nin co medio rural, nin coa produción de alimentos, deixando o territorio que explotan desfeito e inservible para calquera outro uso. Neste senso, analizáronse datos como o feito de que Galiza estea a gastar cada ano máis de 900 millóns de euros en importar alimentos, mentres o meirande das súas explotacións agrogandeiras teñen serios problemas para acceder a máis base territorial para poder producir.
Tanto BNG como AGE, do mesmo xeito que a semana pasada CxG, amosáronse de acordo coas liñas xerais da táboa reivindicativa de ContraMINAcción. Dende os colectivos que integramos esta plataforma cidadá, agardamos que os partidos políticos galegos se comprometan a defender estas demandas e a difundilas entre a cidadanía. Trátase de xuntar os esforzos dos colectivos sociais e dos partidos políticos de cara a que a xente estea informada e saiba até onde pode chegar o impacto da minaría salvaxe e como pode afectar e causar danos irreversibles ao seu medio de vida e ao lugar onde habita.
Dende ContraMINAcción agardamos que esta información sexa do voso interese, e pedímosvos que lle deades a máxima difusión posible nos medios de comunicación cos que traballades. Estamos todos e todas no mesmo barco e de todos e todas é a terra que está ameazada.