Arquivo da categoría: Nota de Imprensa

25 de Maio: O día que pasou a historia pola tractorada en Xinzo

Este sábado 25 de Maio, A Limia apoiou aos seus e rexeitou de forma contundente a Mina de Feldespatos que a Xunta avala cos seus informes.

P1080306

As espectativas dos representantes da veciñanza aglutinada na Plataforma Veciñal Corno do Monte foron moi superadas con creces. Máis de 400 asistentes e preto de 200 tractores foron o xeito no que se manifestou por unanimidade a veciñanza limiá. Xunto a eles, todo o sector servizos da agricultura e a gandería (almacéns de patacas, abonos, fitoagrarias, talleres…) de Xinzo e Trasmiras pecharon este sábado para sumarse a protesta e apoiar aos seus agricultores e gandeiros.

Segundo declaracións dalgúns labregos “Tractorada coma esta non se acorda como dende a de Santiago”, “Incrible que poida haber eiquí tanto tractor”, “Impresionante, esta vai ser histórica”. DSC_3137

Ademais da veciñanza asistiron a ela representantes do BNG (os dous concelleiros locais e a deputada Tareixa Paz), de CxG Xan Jardón, do PSdeG Elvira Lama, Anova, EU, sindicatos como Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias, FRUGA e asociacións como ADEGAL.

A Manifestación comezou no Toural coa lectura dun manifesto, xa que a Subdelegación do Goberno, a pesares de ser sábado e causar menos molestias na vila, prohibiu que as xente se detivese na praza maior.DSC_3135

A Manifestación acompañada dos tractores percorreu as principais rúas da vila, collendo logo todos dirección a San Pedro de Laroá, unha das parroquias afectadas.

O acto finalizou cuns aperitivos en San Pedro para tódolos asistentes.

“Os titulares non impiden o proxecto”

P1080317Varios asistentes a protesta manifestaron a súa “indignación” ante as declaracións dos gobernantes: «nos periódicos din unha cousa, pero a hora da verdá nos papeles din outra»

Con esta tractorada histórica, a veciñanza da Limia deixou moi claro que non se fía das declaracións feitas polo conselleiro Hernández e o Alcalde de Xinzo, xa que aquí o que vale non é o que digan eles nos xornais, o único que vale é a resolución do consello da Xunta publicada onde corresponde.

“A MINA OU NÓS”

DSC_3268 O que xa fora lema noutras protestas, cobrou máis peso que nunca nesta protesta, pois achégase a meta da resolución da Xunta e esta ten que escoller entre a mina ou as persoas que vivimos aquí e do agro.

A protesta tamén deixou pe a retranca, con carteis pendurados dos tractores que dicían: «Ocasión: Cambio tractor por chollo na mina do feldespato»

Os representantes veciñais, tralo rotundo éxito da tractorada expoñen que agora os que mandan na Xunta viron o que está en xogo. «Eles teñen inda outra oportunidade de poñer os informes ben despois deste período de alegacións. Eles verán, pero nós confiaremos en non ter que acudir a Santiago con tódolos tractores da Limia, pero se o temos que facer, farémolo. Estes señores non nos van quitar o pan dos nosos fillos nin o seu futuro. Loitaremos ata o final.»

Imaxes que non deixaron a ninguén indiferente

Logo da resaca deste histórico sábado, as fotos da protesta tamén deron que falar, xa que a imaxe dos cativos e rapaces cos seus tractores de xoguete deixaron ben claro que na terra está o medio polo que dar unha vida digna a eses rapaces pero tamén o medio polo cal garanti-lo seu futuro, algo que a empresa Mineira co aval da Xunta pretende roubar.DSC_3296

Agradecementos

Como non podía ser doutro xeito, os representantes da veciñanza queren agradecer o apoio que a comarca da Limia lles brindou hoxe, xa que “os labregos apoiamonos entre nós, uns aos outros”.

Dende a Plataforma Veciñal querese agradecer de xeito moi especial a colaboración da Panadería Segundo, que aportou empanadas e bicas. Tamén ao Sindicato Labrego Galego por todo o traballo e dedicación que levan aportado para deter o proxecto mineiro.

Merecen do mesmo modo especial mención a Policía Local e a Garda Civil de Xinzo, que colaboraron e facilitaron en todo momento que o acto transcorrese con normalidade.

P1020865

Advertisements

A DENUNCIA DA MINA TODO UN ÉXITO EN BRUXELAS

Nota de Prensa da P. V. Corno do Monte do día 18 de Maio do 2013

Os representantes da Veciñanza denunciaron en Bruxelas o proxecto que MINERCER SL quere levar a cabo co aval da Xunta.

O pasado mércores 15 de Maio, representantes da veciñanza afectada pola mina de feldespatos compareceron directamente en Bruxelas perante o Parlmanento Europeo grazas as xestións da eurodeputada galega Ana Miranda do BNG. Alí expuxeron o proxecto que pretende levar a cabo a empresa MINERCER SL e que afecta a varias parroquias do concello limiao.

As representantes incidiron en que a Xunta decidiu que Galicia era unha mina sen o consentimento dos galegos, en particular o caso da Limia. Lembraron aos Eurodeputados os investimentos e subvenicións para o desenvolvemento e modernización do agro galego e limiao, xa que esta mina vai acabar coa agricultura e a gandería, polo que estes investimentos realizados van ser tirados ao lixo.

Tamén lles preguntaron aos eurodeputados como é posible que unha empresa depredadora se beneficie para que 210 persoas perdan o seu emprego se só vai crear 10, dos cales 3 son postos altamente cualificados.

A vez cuestionaron a importancia dun mineral como o feldespato tendo en conta a crise do sector da construción. A intervención rematou coa pregunta de “¿que farían vostedes se lles arrebatasen o futuro dos seus fillos?

As representantes da Veciñanza destacaron que en Europa a diferencia de Santiago e Madrid, “si nos coñecían e sabían perfectamente de onde viñamos”. Así mesmo, os eurodeputados quedaron sorprendidos ante o plan sectorial mineiro que pretende aprobar a Xunta. Nembargantes un dos feitos que máis os sorprendeu foi que unha comarca como a Limia, no que levan realizados investimentos millonarios a través de subvencións, axudas e outras medidas, teñan outorgados dereitos mineiros no corazón da zona agro-gandeira.

Os representantes da Limia, xunto a representantes de outras zonas de Galicia, denunciaron o plan sectorial de minas que a Xunta pretende levar a cabo, xa que faría de Galicia outra Castela deserta e improdutiva.

CONCELLO CERO A ESQUERDA

Así mesmo, os representantes veciñais queren lembrar que segundo o artigo 22.3 da lei 3/2008 de Minería de Galicia, se o concello denega a licenza municipal esta pode ser outorgada polo Consello da Xunta, é dicir, que a lei quítalle ao concello de Xinzo a capacidade legal de impedir que a mina de feldespatos se asente no municipio.

Aproveitando o consello do Alcalde de que actuemos nos lugares que corresponde, a Plataforma Veciñal vai solicitarlle ao concello os seus servizos xurídicos para que asesoren das posibles medidas legais que se poden tomar.

TRACTORADA: A MINA OU NÓS

Este sábado 25 de Maio ás 10.30 arrincará do Toural unha tractorada contra a mina de feldespatos, a que están convocados tódolos cidadáns, agricultores e axentes sociais, políticos e culturais de Galicia.

A PLATAFORMA VECIÑAL EN CONTRA DA MINA DE FELDESPATOS CELEBRA EN XINZO UNHA CHARLA SOBRE A MINARÍA DESTRUTIVA

A Plataforma Veciñal Corno do Monte, que representa a veciñanza afectada pola mina de Feldespatos, organiza este sábado 11 de Maio ás 7 da tarde na casa da cultura de Xinzo unha charla informativa sobre a minaría destrutiva en Galicia.11 maio

Segundo os organizadores, o obxectivo desta charla é informar a veciñanza de que o Proxecto de Minercer SL non é o único, que Galicia está plagada de proxectos mineiros destrutivos, da importancia de perseverar nas accións en contra da mina e de manternos xuntos.

Por elo, acudirán a charla representantes da executiva nacional do Sindicato Labrego Galego para falar dos innumerables proxectos que están tentando levarse a cabo por todo o país e representantes da Plataforma contra a Mina de Corcoesto para trasladar a súa experiencia similar nos seus inicios a de Feldespatos en Xinzo.

O acto rematará coa intervención da representante da Plataforma Veciñal Corno do Monte, que dará conta do que dos informes da Xunta, aos que os representantes veciñais tiveron acceso, facendo unha valoración dos mesmos e tamén de posibles accións da veciñanza para impedir que este proxecto se leve a cabo.

O DIRECTOR XERAL DE INDUSTRIA ENERXÍA E MINAS DI QUE NON HAI DECISIÓN TOMADA SOBRE A MINA DE FELDESPATOS EN XINZO

Este venres 3 de Maio celebrouse unha comisión no Parlamento de Galicia na que compareceu o Director Xeral de Industria Enerxía e Minas. Na sesión tratouse a situación do proxecto mineiro de Feldespatos en Xinzo.

Imaxe de arquivo das Comisións do Parlamento de Galicia. © Parlamento de Galicia.

Ante a pregunta formulada por Tareixa Paz do estado da concesión mineira en Xinzo, o Director Xeral de Industria respondeu que o proxecto está en trámite, que a Xunta de Galicia aterase e respectará a legalidade xa que se vai ter en conta unha sentenza do Tribunal Supremo no que di que inda que os informes técnicos non sexan vinculantes sempre hai que telos en conta. Ademais resaltou que os informes non teñen que velar polos interes nin medioambientais nin agrícolas, se non que son só técnicos.

A nacionalista tamén preguntou se se ían contestar as alegacións presentadas contra o proxecto, a que o responsable da Xunta contestou que ao seu debido tempo, logo de presentar ou non as segundas alegacións, a Xunta volverá a ter en conta e decide, polo que o proceso é o normal.

Segundo o Director Xeral de Industria estes informes serán expostos ao público polo que dende o momento de exposición haberá un novo prazo de 15 días para presentar alegacións.

Deste xeito o Director Xeral de Industria, Economía e Minas deixa claro que non hai ningunha decisión tomada sobre a mina de Feldespatos en Xinzo e que o proceso segue o seu curso natural.

 Vídeos da comparecencia

http://www.parlamentodegalicia.es/buscaVideos/detalle.aspx?linguaxe&id=8131&tipo=1&desp=00%3A19%3A52&duracion=00%3A03%3A01&data=03%2F05%2F2013+10%3A52%3A13&asunto=Comisi%C3%B3n+7%C2%AA+Agricultura%2C+Alimentaci%C3%B3n%2C+Gander%C3%ADa+e+Montes.&desc=Intervenci%C3%B3n+de+Direcci%C3%B3n+Xeral+de+Industria%2C+Enerx%C3%ADa+e+Minas+&idgrabacion=8131

A veciñanza afectada pola mina de feldespatos de Xinzo quere ve-los informes da Xunta e reunirse cos conselleiros

aaaAnte as declaracións feitas polo Conselleiro de Medio Ambiente das que se fixeron eco varios xornais galegos, a Plataforma Veciñal Corno do Monte que representa a veciñanza afectada pola mina de Feldespatos no Concello de Xinzo de Limia, alégrase polo bo xuízo do Sr. Conselleiro.

Porén, a hora de tomar este tipo de decisións o que conta non é a opinión persoal dun Conselleiro, se non o que dictan os informes técnicos da Xunta.

Por elo e aproveitando o bo dispor do Sr. Hernández, instámolo a el e aos Conselleiros de Medio Rural e Industria a manter unha reunión conxunta na que nos mostren os informes técnicos da Xunta sobre o proxecto que esta Plataforma Veciñal xa ten solicitado varias veces sen resposta nas consellerías que eles dirixen. Tamén nesa xuntanza poderían aclara-lo estado da concesión, xa que os veciños e veciñas afectados non pararemos ata que este proxecto vaia abaixo e a XUNTA DENEGUE OFICIALMENTE, CON TÓDOLOS PAPEIS BEN FIRMADOS E PUBLICADOS ONDE CORRESPONDA, o proxecto de MINERCER SL.

A LIMIA MANIFESTARASE CON CAZEROLADA E ASUBÍOS CONTRA A MINA DE FELDESPATOS

A Plataforma Veciñal Corno do Monte convoca a toda a veciñanza da Limia e diferentes colectivos sociais, culturais e económicos como a tódalas organizacións políticas.

Como xa ven sendo habitual ata que a Xunta de Galicia se pronuncie en contra da mina de feldespatos, a Plataforma Veciñal Corno do Monte que representa a veciñanza afectada pola mina de Feldespatos, convoca a toda a veciñanza, colectivos sociais, culturais, económicos e políticos a asistir a manifestación con cacerolas asubíos e calquer artiluxio que faga ruído, coa fin de facernos escoitar.

A Manifestación está apoiada polo Sindicato Labrego Galego, a Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza “ContraMINAacción” e por outros colectivos como xa ven sendo habitual.

Ao remate da Manifestación representantes da Plataforma Veciñal informarán aos asistentes da xuntanza que mantiveron coa Subdirectora Xeral de Minas da Xunta de Galicia.

ContraMINAcción apoia a manifestación en Xinzo convocada pola Plataforma Veciñal Corno do Monte contra a mina de feldespato

Comunicado da Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza “ContraMINAacción”. 26 de Abril do 2013

ContraMINAcción apoiará a manifestación en Xinzo de mañá, sábado 27 de abril, convocada
pola Plataforma Veciñal Corno do Monte en contra do proxecto mineiro Faramontaos 5089.1, da empresa Minecer SL, para a extracción a ceo aberto de feldespato. Dende ContraMINAcción queremos expresar o noso total respaldo ás reivindicacións da veciñanza ameazada das parroquias de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos. Opoñémonos á explotación destrutora de centos de hectáreas afectadas, explotación que faría imposible o traballo agrícola das terras afectadas -que se atopan entre as máis fértiles de Galiza e constitúen o principal motor socioeconómico da zona-, contaminaría as augas e o aire, secaría os pozos e hipotecaría para sempre o medio e xeito de vida dos e das habitantes destas parroquias.
Por todo o devandito, dende ContraMINAcción animamos á cidadanía galega, en xeral, e á da comarca da Limia, en particular, para que exprese o seu rexeitamento a este proxecto mineiro apoiando a manifestación de mañá en Xinzo.