Arquivo da categoría: Uncategorized

O SLG apoia a manifestación convocada este sábado en Xinzo de Limia pola Plataforma Veciñal Corno do Monte contra a mina de feldespato

Comunicado do Sindicato Labrego Galego. 25 de Abril do 2013

O Sindicato Labrego Galego apoia a manifestación do 27 de abril en Xinzo convocada pola Plataforma Veciñal Corno do Monte -composta por veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos- en contra do proxecto mineiro Faramontaos 5089.1, de Minecer SL, para a extracción de feldespato.
Dende o SLG, animamos a toda a nosa afiliación na bisbarra da Limia a participar e apoiar a marcha de protesta que partirá do Museo do Entroido (rúa 2 de maio), as 12:00 horas.
O Sindicato Labrego Galego xa presentou alegacións contra este proxecto mineiro que ameaza máis de 400 hectáreas de terras de labor das máis fértiles de Galiza, cun potencial produtivo de 18 millóns anuais de quilos de pataca 2, e onde se fixeron fortes investimentos en agricultura entre os que se atopan tres concentracións parcelarias e as instalacións de regadío da Comunidade de Regadores Corno do Monte, que abastecen de auga 1,257 hectáreas.

Convocatoria 27 de Abril

Prezadas/os veciñas/os,

Dende a Plataforma Veciñal Corno do Monte composta por veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, levamos varios meses manifestando a nosa total oposición ao proxecto Faramontaos 5089.1 que consistiría na instalación dunha mina de extracción de feldespato na nosa zona. Trátase dun proxecto de varias fases no que, a primeira se desenvolvería nestas aldeas, pero que de conseguiren instalarse, comezarían a estender o proxecto –segundo as previsións da propia empresa Minecer, S.L.- por toda a comarca.

Xa son de sobra coñecidas as consecuencias que tería para nós este proxecto: incompatibilidade coa agricultura e a gandería, contaminación das augas, seca de pozos, polución do aire… Un atentado contra a nosa vida e os nosos pobos unha vez máis.

Todos os grupos políticos do Concello de Xinzo se opoñen a este proxecto, só nos falta que a Xunta de Galicia denegue a licenza de explotación. Ata que iso chegue, a nosa loita debe continuar.

Por isto convocamos a todas as asociacións veciñais, culturais, de mulleres… do Concello de Xinzo de Limia e demais concellos da comarca para o vindeiro sábado 27 de abril ás 12 da mañá (día de feira) a unha MANIFESTACIÓN CIDADÁ que partirá do Museo do Entroido (Rúa Dous de Maio) polas principais rúas da vila.

Faremos moito barullo, con cazolas e asubíos para que a nosa voz chegue a onde se toman as decisións.

Agradecendo de antemán a vosa implicación, recibide un cordial saúdo

Mª Carmen Díaz Casas

Voceira da Plataforma Veciñal Corno do Monte

aaa

A PLATAFORMA VECIÑAL CORNO DO MONTE SOLICITA TODA A INFORMACIÓN SOBRE A MINA DE FELDESPATO EN XINZO

A Plataforma Veciñal Corno do Monte baixo o amparo do artigo 23 da Lei 3/2008 do 23 de Maio, de ordenación da minería de Galicia, solicitou ao longo desta semana os informes técnicos perceptivos dos órganos ambiental, urbanístico e agrario sobre a mina de feldespatos as consellerías de Medio Rural, Medio Ambiente, Urbanismo e Industria. A Xunta de Galicia dispoñía de dous meses para elaboralos.

Así mesmo baixo o artigo 22 da citada lei, a Plataforma solicitou o informe técnico emitido polo concello de Xinzo.

Todo isto responde ao traballo continuado e incesable que está levando a cabo a Plataforma que representa a toda a veciñanza afectada, coa fin de poder alegar, en palabras da presidenta «coa lei na man»

A Plataforma Veciñal Corno do Monte concentra dous centenares de persoas no Concello de Xinzo

Este venres 8 de marzo ás 20.30 celebrouse no Salón de Plenos da Casa do Concello de Xinzo de Limia, unha Xuntanza informativa en contra da mina de Feldespatos.

A ela acudiron veciños do concello e da comarca, comerciantes, empresarios e representantes dos partidos políticos, PSdeG-PSOE, BNG, PP, Anova e Compromiso por Galicia.xuntanza7

A redor de dous centos de persoas que ateigaron o Salón de Plenos e outros que tiveron que escoita-las intervencións dende a entrada do salón e o consistorio.

A Xuntanza comezou coa intervención da Presidenta da Plataforma, Maricarmen Diaz Casas, que deu conta da situación actual da concesión e que criticou duramente as repercusións a nivel global que traería a mina. Seguido dela interveu o representante do Sindicato Labrego Galego, Anxo Pérez que se centrou na repercusión socioeconómica que traería a explotación mineira:  400Ha afectadas que producen arredor de 27 millons de euros anuais a repartir entre máis dun cento de familias que viven delas, fronte a os 3 millóns de euros que gañaría soamente a empresa mineira. Outro punto a destacar é a perda de 210 empregos directos e outros tantos indirectos, investimentos milonarios en subvencions da Unión Europea, o Estado Español e a Xunta de Galicia, ademais de maquinaria agrícola e a compra de terras, asi como os investimentos levados a cabo nos anos 70 para facer as concentracións parcelarias.

Logo falou Álvaro Carreira, enfermeiro, sobre os riscos que representaba a mina sobre a saúde das persoas, podendo orixinar enfermidades respiratorias, dixestivas e psicolóxicas. Tamén destacou que as persoas máis vulnerables son os doentes con afeccións crónicas (hipertensión, diabetes, afeccións cardíacas, etc), e os nenos. xuntanza5

A xuntanza rematou coa intervención de Lucía Joga, facendo un pequeno resumo de todo o exposto e presentando a 4 nenos da futura xeración que representan o futuro da Limia.  Finalizou informando da próxima mobilización que terá lugar o 27 de Marzo en Xinzo, coincidindo coa semana santa e coa feira de fin de mes.

Todo o acto caracterizouse polo continuo apoio do público asistente con aplausos e comentarios apoiando as intervencións dos asistentes, que saíron dispostos a “acudir a onde faga falta” para evitar que este proxecto prexudicial se leve a cabo.

xuntanza 4 xuntanza6 xuntanza3

Recollida de firmas contra da minaría contaminante en Galicia

Dende a Plataforma Veciñal Corno do Monte animamos a tódalas persoas que estean en contra da Explotación mineira de Feldespatos, que pretenden levar a cabo en varias aldeas de Xinzo, a que asinen o seguinte petición en Change.org

¡Que no arrasen Galicia! Paremos la megaminería contaminante 

(fai clic sobre este enlace)

É moi doado e só leva un minuto. Un minuto que pode facer moito por tod@s.

Nós xa firmamos, agora é a túa quenda!

Xuntanza o Martes 19 de Febreiro ás 20:30

Este Martes 19 de Febreiro ás 20:30 celebrarase en Rebordechá unha xuntanza.
Dende a plataforma queremos darlle a máxima visibilidade á nosa TOTAL OPOSICIÓN A ESTE PROXECTO.
Asistide se podedes como veciñas e veciños afectados, que somos todos/as.