INFORME DE OPOSICIÓN A MINA

INFORME SOBRE A OPOSICIÓN AO PROXECTO FARAMONTAOS 5089.1

aaa

O presente informe elaborado pola «Plataforma Veciñal Corno do Monte» ten como finalidade axudar a entende-la oposición da veciñanza ao proxecto Faramontaos 5089.1 e facilita-lo traballo dos medios de comunicación e prensa.
Ao longo deste informe imos describi-la zona e a superficie afectada, quen promove o proxecto, experiencias anteriores na Limia, os contidos das alegacións presentadas, o impacto ambiental que representa, os riscos sobre a saúde humana e o impacto socioeconómico que expón.

ZONA AFECTADA

Oito aldeas do Concello de Xinzo de Limia: Rebordechá, Paredes, Moreiras, Faramontaos, Fiestras, Seoane, Laroa e S. Pedro, ademais doutras do Concello de Trasmiras como Zos e Abavides.

SUPERFICIE QUE AFECTA O PROXECTO

Nove parcelas illadas repartidas en 1400Ha, ocupando un total de 400Ha.

EMPRESA QUE PROMOVE O PROXECTO MINEIRO

MINERCER SL, empresa con domicilio en Villarreal, Castellón. Compra-venda, explotación, transformación e comercio de minerais para a fabricación de produtos cerámicos. Transporte por estrada.
Esta prevé:
– Investir 1,2 millóns de euros
– Crear 10 postos de traballo especializado e propio da empresa (fronte aos 210 empregos de autónomos existentes)
– Presentou un desastroso informe de impacto ambiental afastado da realidade ou credulidade.

EXPERIENCIAS ANTERIORES NA LIMIA

Na bisbarra da Limia xa temos experiencias de explotacións similares como é o caso de Feldespatos Sarreaus a menos de 20 Km, que quebrou debido a unha pésima xestión.
Ao noso xuízo resulta inconcibible pretender autorizar unha nova explotación deste tipo, cando as instalacións desta están abandonadas (sendo aproveitables) tendo alí toneladas de feldespato de maior calidade sen extraer.

CONTIDO DAS ALEGACIÓNS REALIZADAS

  • Artigo 37 da Lei do solo de Galicia 9/2002, do 30/12/2002. Solos rústicos de protección agropecuaria e de protección forestal. PROHIBE A MINERÍA. No 2010 este artigo foi modificado no Parlamento de Galicia coa maioría absoluta do Partido Popular, deixando aberta a posibilidade de establecer en calquera lugar unha explotación mineira.
  • Alta produtividade agro-gandeira da zona: 27 millóns €/ano
  • Zona específica de concentración parcelaria
  • Zona de Concentración Parcelaria de San Pedro de Laroá. Declarada de utilidade pública e urxente execución no Decreto 2276/1971, do 13 de agosto, publicada no BOE 24 de Setembro 1971.
  • Zona de Concentración Parcelaria de Laroá – Seoane. Declarada de utilidade pública e urxente execución no Decreto 1367/1973, do 19 de maio, publicada no BOE 27 de xuño do 1973.
  • Zona de Concentración Parcelaria de Moreiras – Faramontaos. Coa declaración das Bases Definitivas no DOG 157 do 14 de agosto de 1986.
  • A citada documentación non foi tida en conta na documentación posta a información pública no proxecto da empresa Minercer SL.
  • Axudas públicas para a permanencia e a modernización do rural procedentes da Xunta de Galicia, do estado español e da Unión Europea.
  • Destrución de emprego e modo de vida: 210 empregos directos e outros tantos indirectos
  • Abandono da zona
  • Zona de Indicación Protexida da Pataca
  • Parcelas de extracción a menos de 100 metros de ríos e regueiros de auga
  • Distancias a núcleos rurais inferiores a 200 metros (incumprindo lei)

IMPACTO AMBIENTAL

SOBRE O SOLO:

    • Eliminación da capa fértil do solo
    • Destrución solo agrícola
    • Cambio extremo nas características do solo e no seu uso
    • Aumento da erosión

SOBRE AS AUGAS:

    • Alteracións sobre augas superficiais e subterráneas
    • Impacto severo sobre augas subterráneas ó traballar por debaixo do nivel freático
    • Alteración da drenaxe natural alterando as afluencias a augas superficiais e subterráneas
    • Vertidos contaminantes: aceites, filtros e baterías da maquinaria en augas superficiais
    • Contaminación por ÁCIDO FLUORHÍDRICO empregado no proceso químico
    • Aumento de inundacións

CONTAMINACIÓN ACÚSTICA

    • Ruídos: 24 horas/día: extracción, criba, grupo de bombeo, tubeiras de transporte
    • Camións no transporte

SOBRE O AIRE:

  • polución por po mineral, sólidos en suspensión e gases

SOBRE A PAISAXE:

    • Creación de ocos e lagoas en cada parcela
    • Eliminación da vexetación e a fauna
    • Empeoramento da paisaxe
    • Efecto irreversible sobre os recursos: traballo, modo de vida, poboación
    • Afecta a Rede Natura 2000

RISCOS SOBRE A SAÚDE HUMANA

Toda actividade mineira comporta riscos sobre a saúde das persoas que traballan ou viven preto de onde é desenvolta.

Esta explotación, vai dar orixe a unha serie de residuos entre os que podemos salientar: area silícea (que da lugar a pó mineral – diferente do pó das casas ou orixinado pola terra) gases, produtos inqueimables resultados da depuración da materia prima dos feldespatos, ácidos, aceites, baterías, filtros…

Os riscos afectarán sobre todo ao sistema respiratorio, ao aparello dixestivo, a pel e a saúde mental das persoas.

Tendo en conta os factores de risco podemos deduci-las enfermidades que poden orixinar ou agravar:

DERIVADOS DO PO MINERAL EN SUSPENSIÓN NO AMBIENTE E OUTROS GASES:

  • Neumoconiose
  • Silicose
  • Alteracións patolóxicas no aparello respiratorio e nos ganglios accesorios
  • Enfermidades Pulmonares Obstrutivas Crónicas (EPOC): Bronquite crónica, enfisema pulmonar, asma..
  • Alteracións da pel, membranas e mucosas
  • Cancro

DERIVADOS DO RÚIDO, DA ALTERACIÓN DA PAISAXE, DA ALTERACIÓN DA ACTIVIDADE ECONÓMICA TRADICIONAL, DO ABANDONO DA ZONA E DAS ALTERACIÓNS DO MODO DE VIDA:

  • Trastornos do sono, estres, depresión, ansiedade
  • Trastornos do ánimo
  • Predisposición ao cancro
  • Baixada de defensas secundarias a estres

DERIVADOS DA CONTAMINACIÓN DAS AUGAS E DO AMBIENTE

  • alteracións dos aparello dixestivo
  • cancro
  • afectación sistema nervioso

DERIVADOS DA PERDA DE EMPREGO

  • estres
  • ansiedade
  • malestar físico
  • sensación de soidade
  • tristeza
  • depresión
  • disforia

A exposición reiterada e acumulación continuada no organismo dos seres vivos de contaminantes e substancias tóxicas nos órganos, tecidos e células co paso do tempo poden dar lugar a alteracións de carácter patolóxico orixinando por exemplo tumores e cancros.

Os riscos descritos incrementarase significativamente sobre a poboación máis sensible, é dicir, a que ten máis papeletas de sofre-las consecuencias destes contaminantes son os nenos, as persoas maiores e as persoas con enfermidades crónicas, xa que os seus organismos son máis febles fronte a eles.

Dende a perspectiva da saúde das persoas e tendo en conta as doenzas con máis incidencia e prevalencia na zona, esta mina representaría unha serie de riscos difíciles de asumir pola poboación. Polo tanto o impacto sobre a saúde das persoas sería moi negativo.

IMPACTO SOCIOECONÓMICO

A actividade agro-gandeira é a base da economía limiá. Este sector pasa por ser un dos máis importantes e dinámicos de Galicia, caracterizado e sustentado na súa forte mecanización e un elevado grao de tecnificación. Conta cunha importante dinámica de relevo xeracional, acadado con importantes investimentos en incorporacións e plans de mellora das explotacións agrarias.

Moi ligado ao sector primario da Limia, sostense un importante sector servizos que vive en gran medida do sector agro-gandeiro, centrándose en empresas de fitosanitarios, almacéns de abonos, almacéns de venda de semente, almacéns de compra de patacas e cereais, servizos técnicos, talleres de venda e reparación de maquinaria agrícola, etc.

RECOÑECEMENTO LEGAL ACTUAL DOS TERREOS

A zona sobre a que pretenden asentar a mina de feldespatos aséntanse tres concentracións parcelarias (San Pedro de Laroá no Decreto 2276/1971, Laroá – Seoane no Decreto 1367/1973, Moreiras – Faramontaos na publicación do DOG 157 do 14 de agosto de 1986) nas que é determinada a utilidade pública destes terreos con fins agrarios ademais da función social das propiedades, coa necesidade de que estas terras cultivables non queden abandonadas, se manteña e se conserve a súa capacidade agrícola, se aproveiten axeitadamente os seus recursos en consonancia cos plans de aproveitamento de cultivos ou forestal recollidos no acordo de concentración.

EMPREGO
Tan só nestas tres zonas de concentración parcelaria traballan directamente uns 210 agricultores baixo o réxime de autónomos agrarios, que se contamos aos traballadores por conta allea contratados por estes autónomos, serían moitos máis traballadores directos que viven da agricultura nestas tres zonas de concentración parcelaria.

CULTIVOS

Os principais cultivos desta zona son: a pataca, o cereal e cebolas principalmente. Destacan sobre todo os dous primeiros.

PATACA

Das 1400 hectáreas que compón esta veiga da Limia, 1200 son cultivadas tódolos anos, sendo 400 hectáreas adicadas a semente de patacas.

Esta veiga composta por tres concentración parcelarias, dispón de posibilidades de Rega (de feito dende antes da presentación deste proxecto mineiro existe un proxecto de rega para optimización da auga na zona).

Os rendementos medios da pataca superan as 40 t/ha (16 millóns de quilos anuais para 400 ha), que son equiparados ás doutras zonas pataqueiras de Europa.

Os prezos medios no cultivo das patacas son moi variables dunhas campañas a outras, con prezos oscilantes entre 6 e 30 céntimos, obtendo sobre 1 millón de euros anuais no peor dos casos e 5 millóns de euros anuais no mellor.

A variedade de pataca «Kennebec» é a única amparada polo Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida «Pataca de Galicia», sendo a Limia a subzona máis importante do país tanto en superficie cultivada como en número de labregos acollidos.

CEREAL

O cereal constitúe a rotación básica da pataca na comarca, chegando a considerar A Limia como a maior despensa de cereais cara a industria dos pensos galega.

A bisbarra é a principal fornecedora de trigo á industria planificadora galega, de xeito máis específico nas variedades de trigo «do país» para a elaboración do «Pan de Cea» amparado baixo a protección da súa Indicación Xeográfica Protexida de Orixe, o que dá novamente mostra da súa importancia a nivel galego como zona de produción de cereais.

Compre destacar que nesta veiga destínanse aproximadamente 800 ha ao cultivo de cereais.

SERVIZOS VENCELLADOS A ACTIVIDADE AGRO-GANDEIRA

A redor deste sector primario artéllase un importante sector económico que depende case en exclusiva do agro e que xera un gran número de empregos na bisbarra. Trátase pois de empresas de fitosanitarios, almacéns de abonos, almacéns de venda de semente, almacéns de compra de patacas e cereais, servizos técnicos, talleres de venda e reparación de maquinaria agrícola, etc.

A estimación de gastos ocasionados pola agricultura estímanse do seguinte xeito:

  • gasto medio de semente de pataca: 1200€/ha
  • gasto medio fertilizantes e abonos: 400€/ha
  • gasto medio fitosanitarios: 260€/ha
  • gasto medio de carburantes: 330€/ha
  • gasto medio de reparacións e mantemento: 170€/ha
  • gasto medio de seguros, impostos, contribucións (IBI) e alugueres de fincas: 265€/ha
  • amortización de maquinaria e equipos: 490€/ha

Os custes medios anuais para unha hectárea de pataca supoñen unha media de 3.115€/ha. En total uns 1,25 millóns de euros anuais de volume de negocio para este sector paralelo.

CONCLUSIÓNS SOBRE O IMPACTO SOCIOECONÓMICO

Queda demostrada a existencia de toda unha economía ligada directamente a estas 400 hectáreas, da que viven moitas familias tanto directa como indirectamente.

Non é xustificable baixo ningún pretexto a destrución de 210 empregos directos e outros tantos indirectos pola creación de tan só 10 postos de traballo que serán cubertos con foráneos.

A mina prevé gastar 240.000 euros/ano estimando uns beneficios de 2,8 millóns de euros, cunha produción de 35.000 t/ano a 80€/t. Fronte a isto expóñense os 5 millóns de euros que se poden acadar nalgunhas campañas e que SEMPRE serán repartidos entre máis de 210 familias directamente.

Tanto social, como economicamente este proxecto mineiro é unha aberración e unha ruína para a zona.

Enténdese polo tanto que, se os servizos técnicos dalgunha administración, ven con bos ollos este proxecto mineiro de extracción de feldespatos, co tremendo impacto negativo que suporá para esta veiga, estarían a atender única e indiscutiblemente aos intereses particulares da empresa mineira en prexuízo dos intereses comúns da zona.

26 de Abril do 2013

Advertisements