OS INFORMES DA XUNTA SON FAVORABLES A MINA DE FELDESPATO DE XINZO

A Xunta de Galicia da unha patada a veciñanza afectada pola mina de feldespatos en Xinzo e ponse a favor da empresa mineira que pretende destruír máis de 210 empregos directos e outros tantos indirectos dando un golpe mortal a xa deteriorada economía da Limia.

fotoinformes1

P.V. Corno do Monte

Tal e como dixo o Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas o pasado Venres na súa comparecencia na comisión do Parlamento Galego, os informes serían publicados e facilitados as diferentes partes. O resultado deses informes da Xunta, que xa adiantara aos representantes da Plataforma a Subdirectora Xeral de Minas, avalan a que se leve a cabo a Mina de feldespatos en varias parroquias do concello limiao.

O feito de que estes informes sexan favorables, deixan unha vez máis baleiros de contidos moitos dos titulares de prensa que foron sacados no entorno da Xunta para “calmar as augas” e impedir que as accións da veciñanza danaran os intereses da empresa mineira e do goberno que os avala.

Queremos lembrar tamén que a decisión non está tomada, pero tal e como dixo o Director Xeral de Industria, a pesares de que a lei di que os informes non son vinculantes, teñen que ser tidos en conta porque así o di unha sentenza do Tribunal Supremo. É dicir, que estes informes que avalan a mina, elaborados polas consellerías de Medio Ambiente, Industria e a Confederación Hidrográfica van ser transcendentais a hora de concede-la licencia a Mina de Feldespatos.

Informes parciais e incompletos

A plataforma finalmente recolleu preto de 2000 alegacións individuais, e presentarónse outras a título de asociacións, sindicatos, agricultores e gandeiros. Nestas alegacións falouse das consecuencias para a saúde das persoas, os riscos sociodemográficos que ademais foron temas que se lle comentaron aos responsables da Xunta e se lles deixou constancia por escrito rexistrado nos seus correspondentes despachos. Iso só quere dicir que ben esquecéronse do que lle transmitiron os representantes da veciñanza ou que non lles interesou metelos nos informes.

A medias tintas

O informe de Medio Rural, que podía tombar de remate a tolemia que a Empresa Minercer SL, coa connivencia das consellerías de Industria, Medio Ambiente e a Confederación Hidrográfica, quédase a médias tintas. A Consellería que debía ser a principal defensora da veciñanza e garante de que os envestimentos da Xunta, do Estado e da Unión Europea fosen aproveitados e rentabilizados, di que “parece prevalente a agricultura”, non impoñendo con contundencia a prevalencia do agro sobre a actividade mineira. Segundo palabras dos responsables da Plataforma Veciñal “a consellería de Medio Rural tiña que pecha-las portas e non deixar dúbidas de que esta veiga é unha zona agrícola, non mineira”

A mina ou nós

aaa210 persoas viven en exclusiva do agro nesta veiga. Outras tantas benefícianse das anteriores na industria paralela (talleres, almacéns, servizos técnicos, fitoagrarias…).

Estes informes pretenden bendecir un desaloxo forzoso do que é noso, do pagamos coa nosa suor, e que nos pretenden sacar das nosas mans con expropiacións forzosas ao prezo que eles marquen, é dicir, que a Xunta avala este roubo. Por elo a veciñanza vai poñer toda a carne no asador e defender o que é seu, sen violencia a diferencia dos que nos atacan e nos queren quitar o que é noso.

Charla sobre a mina

Lembramos que este sábado 11 celebrarase unha xuntanza na Casa da Cultura en Xinzo ás 7 da tarde, para ver o que está a ocorrer noutros puntos de Galicia, compartir outras experiencias e informar máis ao detalle sobre estes informes e as iniciativas que se van levar a cabo.

11 maio

A PLATAFORMA VECIÑAL EN CONTRA DA MINA DE FELDESPATOS CELEBRA EN XINZO UNHA CHARLA SOBRE A MINARÍA DESTRUTIVA

A Plataforma Veciñal Corno do Monte, que representa a veciñanza afectada pola mina de Feldespatos, organiza este sábado 11 de Maio ás 7 da tarde na casa da cultura de Xinzo unha charla informativa sobre a minaría destrutiva en Galicia.11 maio

Segundo os organizadores, o obxectivo desta charla é informar a veciñanza de que o Proxecto de Minercer SL non é o único, que Galicia está plagada de proxectos mineiros destrutivos, da importancia de perseverar nas accións en contra da mina e de manternos xuntos.

Por elo, acudirán a charla representantes da executiva nacional do Sindicato Labrego Galego para falar dos innumerables proxectos que están tentando levarse a cabo por todo o país e representantes da Plataforma contra a Mina de Corcoesto para trasladar a súa experiencia similar nos seus inicios a de Feldespatos en Xinzo.

O acto rematará coa intervención da representante da Plataforma Veciñal Corno do Monte, que dará conta do que dos informes da Xunta, aos que os representantes veciñais tiveron acceso, facendo unha valoración dos mesmos e tamén de posibles accións da veciñanza para impedir que este proxecto se leve a cabo.

O DIRECTOR XERAL DE INDUSTRIA ENERXÍA E MINAS DI QUE NON HAI DECISIÓN TOMADA SOBRE A MINA DE FELDESPATOS EN XINZO

Este venres 3 de Maio celebrouse unha comisión no Parlamento de Galicia na que compareceu o Director Xeral de Industria Enerxía e Minas. Na sesión tratouse a situación do proxecto mineiro de Feldespatos en Xinzo.

Imaxe de arquivo das Comisións do Parlamento de Galicia. © Parlamento de Galicia.

Ante a pregunta formulada por Tareixa Paz do estado da concesión mineira en Xinzo, o Director Xeral de Industria respondeu que o proxecto está en trámite, que a Xunta de Galicia aterase e respectará a legalidade xa que se vai ter en conta unha sentenza do Tribunal Supremo no que di que inda que os informes técnicos non sexan vinculantes sempre hai que telos en conta. Ademais resaltou que os informes non teñen que velar polos interes nin medioambientais nin agrícolas, se non que son só técnicos.

A nacionalista tamén preguntou se se ían contestar as alegacións presentadas contra o proxecto, a que o responsable da Xunta contestou que ao seu debido tempo, logo de presentar ou non as segundas alegacións, a Xunta volverá a ter en conta e decide, polo que o proceso é o normal.

Segundo o Director Xeral de Industria estes informes serán expostos ao público polo que dende o momento de exposición haberá un novo prazo de 15 días para presentar alegacións.

Deste xeito o Director Xeral de Industria, Economía e Minas deixa claro que non hai ningunha decisión tomada sobre a mina de Feldespatos en Xinzo e que o proceso segue o seu curso natural.

 Vídeos da comparecencia

http://www.parlamentodegalicia.es/buscaVideos/detalle.aspx?linguaxe&id=8131&tipo=1&desp=00%3A19%3A52&duracion=00%3A03%3A01&data=03%2F05%2F2013+10%3A52%3A13&asunto=Comisi%C3%B3n+7%C2%AA+Agricultura%2C+Alimentaci%C3%B3n%2C+Gander%C3%ADa+e+Montes.&desc=Intervenci%C3%B3n+de+Direcci%C3%B3n+Xeral+de+Industria%2C+Enerx%C3%ADa+e+Minas+&idgrabacion=8131

A veciñanza afectada pola mina de feldespatos de Xinzo quere ve-los informes da Xunta e reunirse cos conselleiros

aaaAnte as declaracións feitas polo Conselleiro de Medio Ambiente das que se fixeron eco varios xornais galegos, a Plataforma Veciñal Corno do Monte que representa a veciñanza afectada pola mina de Feldespatos no Concello de Xinzo de Limia, alégrase polo bo xuízo do Sr. Conselleiro.

Porén, a hora de tomar este tipo de decisións o que conta non é a opinión persoal dun Conselleiro, se non o que dictan os informes técnicos da Xunta.

Por elo e aproveitando o bo dispor do Sr. Hernández, instámolo a el e aos Conselleiros de Medio Rural e Industria a manter unha reunión conxunta na que nos mostren os informes técnicos da Xunta sobre o proxecto que esta Plataforma Veciñal xa ten solicitado varias veces sen resposta nas consellerías que eles dirixen. Tamén nesa xuntanza poderían aclara-lo estado da concesión, xa que os veciños e veciñas afectados non pararemos ata que este proxecto vaia abaixo e a XUNTA DENEGUE OFICIALMENTE, CON TÓDOLOS PAPEIS BEN FIRMADOS E PUBLICADOS ONDE CORRESPONDA, o proxecto de MINERCER SL.

Discurso da manifestación do 27 de Abril

Para todos aqueles que non puideron estar na manifestación celebrada hoxe en Xinzo, con máis forza e apoio que nunca, deixamosvos o discurso que leu a portavoz da Plataforma Veciñal.

27 de Abril

A Plataforma Corno do Monte representa a veciñanza de: Rebordechá, Paredes, San Pedro de Laroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos e Moreiras, e unha plataforma veciñal cuxa única finalidade é mostra-lo noso desacordo coa mina de feldespatos que a Xunta intenta impornos nas nosas terras.

Por se alguén non o oiu, non vamos parar ata que na nosa zona non quede ningua posibilidade de minas de ningún tipo, xa que non chega con quitar este proxecto de agora, non, hai que cambiar a lei de minas e a do solo para que estas burradas non poidan pasar, senón estamos cada 3 días loitando contra un proxecto distinto, e iso sería una tomadura de pelo ¿ou tedes moitas ganas de estar con estes traballos e enfados tódolos días?

A toda a veciñanza: o xoves estivemos en Santiago visitando a subsecretaria de minas, e unha muller moi amable, recibiunos moi cordialmente.

Imaxino que a vós o que vos interesa e o que se falou ¿non é verdade?

Ela defendía a mina, o cal e lóxico porque e enxeñeira de minas. O que vos interesa e o que nos dixo:

  • non sabe nada da provincia de Ourense, eu preguntome se sabe que pertencemos a Galicia. Isto significa que da Limia aínda sabe menos.

  • e que nos vivimos a gran maioria das nosas terras tampouco lle dixeron nada, nin os que somos nin o que producimos, nada estes só viron as nosas terras e intentaron collelas.

O mellor alí en Santiago pensan que todos somos millonarios e vivimos de rentas. ¿cantos vivides de rentas? Mans arriba os millonarios.

  • Como non lle dixeron que vivimos das nosas terras fíxonos unhas propostas moi interesantes, prestade atención que van dirixidas a vós:

– 1º proposta : que compremos terras noutro lado, facilisimo, xa que a nos nos botan fóra, pois nós botamos tamén fóra, a outros, por exemplo aos de Santiago ¿ímonos a vivir a Santiago? ¿quen ten a maleta preparada?. Intentamos facerlle ver que non é tan doado deixa-lo teu e cambiar de casa e de pobo, pero hai xente que non o entende.

– 2º proposta: que convivamos coa mina, todos arrexuntadiños, que bonito!! pero esqueceuselle que para facerlle sitio a mina temos que nós deixarlle o noso sitio, polo tanto o de arrexuntadiños non serve, o que nós decimos todo o tempo: A mina ou Nós.

– 3º proposta: este e moi boa: ¿quen se quere quedar coa planta que só traballa día e noite? ¿voluntarios que queiran a planta no seu pobo?, pero home que escollidos sodes, so fai un pouquiño de barullo, outro pouco de po, outro pouco de contaminacion ambiental, e só funciona día e noite, total, que é inofensiva. Hai que preguntar: pode ser que na Plaza Maior aínda colla, e só seria problemática no Entroido, pero nós somos moi sufridos e trasladamos o Entroido a Santiago.

– 4º proposta: o regadio, a mellor idea. Pero quen precisa un regadio se temos a auga nas pozas que nos deixen?, e por riba gratis, e non necesitades engadir ningun produto máis, porque os produtos xa os trai a auga, o meu consello é que lle expliquedes as patacas e o trigo que agora lle dades auga vitaminada que e mellor ca normal, e que en vez de morrer como e o normal coa auga contaminada, que se teñen que acostumar, O QUE HAI QUE OÍR, o que eu vos digo, todos a vivir de señoritos a Santiago, que eses non teñen problemas nin de regadio, nin de fincas, ni de impostos, nin da chuvia ¿a que non?

– 5º proposta: sabedes que todos os informes están a favor da mina? palabras textuais da subdirectora, agás o do concello de Xinzo. ¿será que nas outras consellerías tampouco saben onde estamos?, vamoslles mandar un mapa.

—Na de medio ambiente: eu que pensaba que estaban a protexer os pobres paxaros, aos outros animais e agora resulta que paxaros debe haber de máis e os outros animais pois que fagan a maleta con nós e para Santiago. ¿E na conselleria de medio ambiente, non se teñen que ocupar de que se respete e coide o entorno? Non o home non, teñen que coidar que o entorno sexa o axeitado para as minas, que atrasados estades.

¿que dirán os da EU cando seiban que os cartos que mandaron para protexer os paxaros e o entorno agora vai ser enterrado para que vivan as minas?

O tema e doloroso, alguén que vai decidir sobre as nosas vidas e non sabe nin onde estamos nin de que vivimos, 150 km ata Santiago marcan a diferencia entre os que contan e os que non importa o que pase con eles, porque para eles solo somos 4 gatos, preguntome se cando nos cobran os impostos non lles importaria que os deixaramos de pagar? Total somos 4 gatos e pequenos, sen importancia.

Meus veciños e veciñas, o tema e serio aínda que alguén non o crea, o señor conselleiro de industria dixo esta semana: “economía autorizará tódalas minas que xeren empleo e sexan sostibles”, sostibles no arame, porque noutra cousa, e o do emprego (10 empregos dos cales 3 son de técnicos altamente cualificados), tendo en conta que se perderán máis de 200 o negocio é redondo ou cadrado segundo se mire. O de sostibles, por suposto que si, e nós coñecemos o mellor exemplo: “feldespatos Sarreaus”, deixou cartos a moreas, a deber, e onde está non se acercan nin os paxaros con moita sede, porque de morrer a morrer, prefiren morrer por a vía natural. Por certo a subdirectora de minas non coñece a Feldespatos Sarreaus, vós tranquilos que xa lle mandamos fotos e recortes dun periódico de Madrid onde se recolle o marabilloso estado de contaminación en que o seu propietario a deixou. En Madrid si que coñecen a mina de Sarreaus, pero en Santiago quédalles moi lonxe.

Eu non sei vós pero estou tan enfandada que non sei que facer con esta xente, e o peor, e que eles deciden sobre nós e as nosas vidas, ¿non vos parece de tolos que alguén a quen non lle importas o máis minimo poda decidir sobre a nosas vidas e propiedades?, unha persoa que coñeza a un galego nunca lle proporía que deixara as suas terras e se fora a comprar outras ou ¿é o que tedes pensado facer? ¿non fostes a outros paises para traer cartos e comprar eiquí?, eles non foron, non saben que na provincia de Ourense si o fixemos, fixémolo porque non había outra opción.

¿vós queredes que se coñeza A Limia polas suas minas ou polas suas patacas? O que prefira as patacas xa sabe onde ten que estar tódolos 27 de cada mes, eiquí diante do museo do entroido, apoiando e axudando, o que prefira a mina que quede na casa e logo que non proteste.

A Xunta está en contra nósa e a favor das minas, ¿non quero ser mala e preguntar para quen e para que son boas? Esa resposta queda a libre imaxinación de cada un.

E postos a pedir porque non nos traen unha empresa que transforme os nosos produtos?, a que lle ibades a decir que si?, ata lle facemos sitio se fai falla!!!

Segundo a lei se os informes son favorables a mina, quere dicir que a empresa ten practicamente a licencia na mao, porque o informe negativo do concello pasan por riba del, así de fácil.

A nosa única oportunidade é a protesta na rúa e que nos oian onde faga falla.

Querevos dicir que os de Corcuesto e Bergantiños, a asociacion galega ContraMINAccion e o Sindicato Labrego Galego mandaron mensaxe de apoio e de axuda para todos nós, hai xente que non nos coñece pero si hai outros moitos que son coma nós e que si saben o que estar na nosa pel. Por elo solidarízanse con nós e mándanos todo o seu apoio.

Damoslle as grazas a aqueles que nos apoian e están con nós, sexa quen sexa.

Se non loitamos agora, os nosos fillos non terán polo que loitar, xa teran a maleta feita.

A decisión e vosa: ou perdemos todo o que temos, ou loitamos polo noso. Como vedes hai xente que decide sobre nós e non sabe nin onde estamos nin que existimos, se queredes defende-lo voso daquela estaredes eiquí o vindeiro 27 de maio para deixar claro que na Limia non queremos minas. A Xunta decide: A MINA OU NÓS.

A LIMIA MANIFESTARASE CON CAZEROLADA E ASUBÍOS CONTRA A MINA DE FELDESPATOS

A Plataforma Veciñal Corno do Monte convoca a toda a veciñanza da Limia e diferentes colectivos sociais, culturais e económicos como a tódalas organizacións políticas.

Como xa ven sendo habitual ata que a Xunta de Galicia se pronuncie en contra da mina de feldespatos, a Plataforma Veciñal Corno do Monte que representa a veciñanza afectada pola mina de Feldespatos, convoca a toda a veciñanza, colectivos sociais, culturais, económicos e políticos a asistir a manifestación con cacerolas asubíos e calquer artiluxio que faga ruído, coa fin de facernos escoitar.

A Manifestación está apoiada polo Sindicato Labrego Galego, a Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza “ContraMINAacción” e por outros colectivos como xa ven sendo habitual.

Ao remate da Manifestación representantes da Plataforma Veciñal informarán aos asistentes da xuntanza que mantiveron coa Subdirectora Xeral de Minas da Xunta de Galicia.

ContraMINAcción apoia a manifestación en Xinzo convocada pola Plataforma Veciñal Corno do Monte contra a mina de feldespato

Comunicado da Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza “ContraMINAacción”. 26 de Abril do 2013

ContraMINAcción apoiará a manifestación en Xinzo de mañá, sábado 27 de abril, convocada
pola Plataforma Veciñal Corno do Monte en contra do proxecto mineiro Faramontaos 5089.1, da empresa Minecer SL, para a extracción a ceo aberto de feldespato. Dende ContraMINAcción queremos expresar o noso total respaldo ás reivindicacións da veciñanza ameazada das parroquias de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos. Opoñémonos á explotación destrutora de centos de hectáreas afectadas, explotación que faría imposible o traballo agrícola das terras afectadas -que se atopan entre as máis fértiles de Galiza e constitúen o principal motor socioeconómico da zona-, contaminaría as augas e o aire, secaría os pozos e hipotecaría para sempre o medio e xeito de vida dos e das habitantes destas parroquias.
Por todo o devandito, dende ContraMINAcción animamos á cidadanía galega, en xeral, e á da comarca da Limia, en particular, para que exprese o seu rexeitamento a este proxecto mineiro apoiando a manifestación de mañá en Xinzo.

O SLG apoia a manifestación convocada este sábado en Xinzo de Limia pola Plataforma Veciñal Corno do Monte contra a mina de feldespato

Comunicado do Sindicato Labrego Galego. 25 de Abril do 2013

O Sindicato Labrego Galego apoia a manifestación do 27 de abril en Xinzo convocada pola Plataforma Veciñal Corno do Monte -composta por veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos- en contra do proxecto mineiro Faramontaos 5089.1, de Minecer SL, para a extracción de feldespato.
Dende o SLG, animamos a toda a nosa afiliación na bisbarra da Limia a participar e apoiar a marcha de protesta que partirá do Museo do Entroido (rúa 2 de maio), as 12:00 horas.
O Sindicato Labrego Galego xa presentou alegacións contra este proxecto mineiro que ameaza máis de 400 hectáreas de terras de labor das máis fértiles de Galiza, cun potencial produtivo de 18 millóns anuais de quilos de pataca 2, e onde se fixeron fortes investimentos en agricultura entre os que se atopan tres concentracións parcelarias e as instalacións de regadío da Comunidade de Regadores Corno do Monte, que abastecen de auga 1,257 hectáreas.

Convocatoria 27 de Abril

Prezadas/os veciñas/os,

Dende a Plataforma Veciñal Corno do Monte composta por veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, levamos varios meses manifestando a nosa total oposición ao proxecto Faramontaos 5089.1 que consistiría na instalación dunha mina de extracción de feldespato na nosa zona. Trátase dun proxecto de varias fases no que, a primeira se desenvolvería nestas aldeas, pero que de conseguiren instalarse, comezarían a estender o proxecto –segundo as previsións da propia empresa Minecer, S.L.- por toda a comarca.

Xa son de sobra coñecidas as consecuencias que tería para nós este proxecto: incompatibilidade coa agricultura e a gandería, contaminación das augas, seca de pozos, polución do aire… Un atentado contra a nosa vida e os nosos pobos unha vez máis.

Todos os grupos políticos do Concello de Xinzo se opoñen a este proxecto, só nos falta que a Xunta de Galicia denegue a licenza de explotación. Ata que iso chegue, a nosa loita debe continuar.

Por isto convocamos a todas as asociacións veciñais, culturais, de mulleres… do Concello de Xinzo de Limia e demais concellos da comarca para o vindeiro sábado 27 de abril ás 12 da mañá (día de feira) a unha MANIFESTACIÓN CIDADÁ que partirá do Museo do Entroido (Rúa Dous de Maio) polas principais rúas da vila.

Faremos moito barullo, con cazolas e asubíos para que a nosa voz chegue a onde se toman as decisións.

Agradecendo de antemán a vosa implicación, recibide un cordial saúdo

Mª Carmen Díaz Casas

Voceira da Plataforma Veciñal Corno do Monte

aaa

A PLATAFORMA VECIÑAL CORNO DO MONTE SOLICITA TODA A INFORMACIÓN SOBRE A MINA DE FELDESPATO EN XINZO

A Plataforma Veciñal Corno do Monte baixo o amparo do artigo 23 da Lei 3/2008 do 23 de Maio, de ordenación da minería de Galicia, solicitou ao longo desta semana os informes técnicos perceptivos dos órganos ambiental, urbanístico e agrario sobre a mina de feldespatos as consellerías de Medio Rural, Medio Ambiente, Urbanismo e Industria. A Xunta de Galicia dispoñía de dous meses para elaboralos.

Así mesmo baixo o artigo 22 da citada lei, a Plataforma solicitou o informe técnico emitido polo concello de Xinzo.

Todo isto responde ao traballo continuado e incesable que está levando a cabo a Plataforma que representa a toda a veciñanza afectada, coa fin de poder alegar, en palabras da presidenta «coa lei na man»