O 14 de Febreiro do 2013, máis dun cento de veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, todas elas pertencentes ao Concello de Xinzo da Limia, deciden unanimemente crear a Plataforma “CORNO DO MONTE”.
A iniciativa xorde ante a preocupación veciñal acerca da posibilidade de explotación mineira da zona por parte da empresa MINERCER, S.L. cuxo proxecto Faramontaos 5089.1 atópase en período de exposición pública, previo á resolución da Xunta de Galicia de conceder ou non licenza para dito proxecto.
Dende a Plataforma “Corno do Monte” manifestamos a nosa total oposición á explotación mineira de feldespato Faramontaos 5089.1 por considerarmos que:
* Supón unha ameaza directa para o benestar e calidade de vida
* É incompatible coa actividade agraria, fonte de recursos económicos da zona, ademais de estar situada en terreos de especial interese agrario
* A declaración de impacto ambiental que expón a empresa é incompleta e insuficiente
* Os accesos ás aldeas e zonas agrícolas veríanse gravemente prexudicados polo tránsito de camións de grande tonelaxe
* Destruiría empregos relacionados coa agricultura
* Incrementaría o abandono rural
* Tería unhas consecuencias ambientais e sociais sen retorno
* Representa graves riscos para a saúde das persoas
A nosa posición, lonxe de querer polemizar, pretende ser unha canle mediante a que organizarnos e loitar polo ben común desde as bases sociais. E unímonos ao acordo tomado en sesión plenaria do 19 de xullo de 2011, polo que tódolo grupos políticos (PP, PSdeG-PSOE, BNG, APGa, AIDAL, ANOVA) con representación no Concello de Xinzo de Limia, asinaron unha moción conxunta instando á Xunta de Galicia a que procedese á denegación da concesión de dereitos mineiros. Así como daquela xa se presentaran preto de 500 alegacións, desta volta non queremos deixar de seguir coa nosa frontal oposición a este proxecto, polo que levaremos a cabo tódalas iniciativas que consideremos necesarias para evitar que este proxecto prexudicial se leve a cabo.