Arquivo por etiquetas: Anova

O Alcalde de Xinzo da plantón aos veciños da Plataforma en contra da mina de Feldespato

Este martes 19 de Febreiro, tivo lugar unha asemblea multitudinaria en Rebordechá, convocada pola Plataforma Corno do Monte que se constituíu formalmente como asociación. A ela asistiron os veciños dos pobos que a integran San Pedro de Laroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos, Moreiras, Paredes e Rebordechá, ademais de representantes do Sindicato Labrego Galego, PSdeG-PSOE, BNG e Anova.

A portavoz da plataforma procedeu a lectura dun manifesto en contra da mina de Feldespato. Logo dela falaron os representantes políticos e sindicais, que mostraron o seu total apoio e disposición a colaborar cos veciños e veciñas.

A gran ausencia desta asemblea multitudinaria foi a do Alcalde de Xinzo e o seu grupo de goberno que foron convidados a asistir polos veciños, mais optaron por non presentarse sen comunicalo, dándolle deste xeito as costas aos afectados, deixando baleiros de contido tódalas súas palabras e grandes titulares na prensa.

Dende a Plataforma vemos este feito con suma preocupación, xa que a credibilidade do Alcalde está en dúbida, o que fai que os veciños e veciñas afectados esteamos totalmente desamparados polo noso representante máis próximo. Reprobamos a súa actitude de agocharse no concello sen dar a cara ante os veciños nin demostrar con feitos os seus titulares de prensa. Todo isto fainos dubidar seriamente das súas verdadeiras intencións.

Por elo instamos ao Alcalde a que faga o seu traballo e dea a cara ante e polos veciños e veciñas, xa que estamos falando do pan e o medio de vida de máis dun cento de familias, que diga cal é a súa verdadeira posición neste asunto e finalmente que demostre o que di nos xornais CON FEITOS.