Arquivo por etiquetas: Feldespatos

A Plataforma Veciñal Corno do Monte concentra varios centos de persoas en Xinzo

Este mércores 27 de marzo, ás 12 da mañá a Plataforma Veciñal Corno do Monte concentrou a carón do Museo do Entroido varios centos de persoas en contra da Mina.

P1080182

As expectativas da Plataforma Veciñal Corno do Monte foron superadas e varios centos de limiaos concentráronse nas inmediacións do Museo do Entroido de Xinzo, para protestar contra a mina de feldespatos que a empresa Minercer S.L. de Castellón pretende levar a cabo en varias parroquias do concello limiao.

A ela asistiu veciñanza de toda a comarca, comerciantes, empresarios, representantes de organizacións ecoloxistas, organizacións sindicais como o Sindicato Labrego Galego ou a Confederación Intersindical Galega. Tamén acudiron representantes de tódolos grupos políticos entre eles representantes do goberno municipal e do PP, do PSdeG – PSOE, BNG, Galiza Nova, Anova, CxG e outros.

O acto transcorreu coa continua participación do público asistente con cantos como “A mina ou nós” “Na Limia non a Mina” “Non a mina” “quen queira feldespatos que vaia a Castellón” “A Xunta decide: A mina ou nós”

P1080175

A presidenta da Plataforma Veciñal, Maricarmen Díaz, leu un manifesto en contra da mina no que lembrou en que consistía o proxecto. Reivindicou tamén o dereito dos veciños a vivir nas súas casas e nas súas aldeas, xa que se a mina vaia adiante, segundo contempla o propio proxecto iso vai ser imposible.

A presidenta da Plataforma Veciñal aproveitou a ocasión para anunciar que os dereitos de explotación de Minercer van dende Ganade a Sarreaus, polo que no futuro sería posible que se levase a cabo outra mina das mesmas condicións no termo municipal e comarcal. Por elo reivindicou que este proxecto prexudicial afecta a todos, xa que hoxe somos nós pero mañá pode ser calquera outro pobo da zona.P1080164

Deu conta de que se seguirán a facer concentracións cidadás no mesmo lugar en tódalas feiras do 27, ata que a Xunta entenda “que non se nos pode quitar o que é noso, que non se poden tomar decisións en contra do bo xuízo, nin se poden tomar decisións en contra dos intereses da Limia e finalmente non se debería escoller unha mina en contra das persoas que vivimos e traballamos aquí” facendo alusión aos máis de 210 empregos directos e outros tantos indirectos que se destruirían se a mina vai adiante.

Para rematar sinalou que “non o vamos consentir de ningún xeito, loitaremos ata o final aínda que dure os trinta anos que pode durar a concesión, nin hoxe nin nunca vamos consentir que nos quiten o noso”

 A MINA OU NÓS

aaa

A concentración transcorreu baixo o lema “A MINA OU NÓS”. Varios asistentes entre eles xornalistas quedaron impactados con el. En palabras da portavoz da plataforma veciñal “o lema soa forte porque o que pretenden facernos é moi forte” “o lema transmite a perfección o que nos está a ocorrer”. “A Xunta ten que escoller entre a mina ou nós”

AGRADECEMENTOS

P1080162Dende a Plataforma Veciñal Corno do Monte queremos agradecer a asistencia de toda a veciñanza da Limia, dos empresarios e comerciantes, ás organizacións sindicais en especial ao Sindicato Labrego Galego, aos grupos políticos, a Policía Local de Xinzo que se mostrou colaboradora e facilitou en todo momento que o acto transcorrese con plena normalidade e a tódalas persoas que nos apoiaron e levan apoiado ata agora.

P1080167

A PLATAFORMA CORNO DO MONTE CELEBRARÁ ESTE VENRES UNHA XUNTANZA INFORMATIVA NA CASA DO CONCELLO DE XINZO

A plataforma de afectados celebra este venres unha xuntanza informativa para tódolos afectados da mina de feldespatos nos que inclúe a comerciantes, empresarios, grupos políticos da provincia e tódolos veciños da comarca.


A asociación “Plataforma Veciñal Corno do Monte” que representa aos veciños de San Pedro de xuntanzaLaroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos, Moreiras, Paredes e Rebordechá, celebrará este venres 8 de Marzo ás 20:30 da tarde unha xuntanza informativa que terá lugar no salón de Plenos da Casa do Concello de Xinzo. A ela están chamados os veciños do concello de Xinzo e a comarca da Limia, en especial comerciantes e empresarios de Xinzo xa que o impacto económico repercutirá de xeito especial sobre eles. Tamén están chamados a asistir tódolos grupos políticos da provincia que se pronunciaron varias veces en contra da mina.

A xuntanza ten por obxecto informar detalladamente das consecuencias que traerá consigo a mina de feldespatos Faramontaos 5089.1.

Dende a plataforma instamos a que se acheguen a ela todos, xa que estamos a tratar dun proxecto sumamente prexudicial para o presente e o futuro de Xinzo e a comarca da Limia.

XUNTANZA: VENRES 8 DE MARZO ÁS 20:30 da tarde

A Plataforma Veciñal Corno do Monte convoca a toda veciñanza afectada pola Mina de Feldespatos, das aldeas limiás de San Pedro de Laroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos, Moreiras, Paredes e Rebordechá, comerciantes, empresarios e demais veciños do Concello de Xinzo, que terá lugar:

VENRES 8 DE MARZO ÁS 20:30 DA TARDE 

LUGAR: SALÓN DE PLENOS DA CASA DO CONCELLO DE XINZO DE LIMIA CDM moras

A Xustiza e a Consellaría de Medio Ambiente non permiten que Erimsa explote o seixo da Terra Chá

Comunicado da Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá  
Nas últimas semanas falláronse en contra da empresa norueguesa os contenciosos que mantiña cos concellos e Castro de Rei, A Pastoriza e Cospeito; e a Xunta denegou todas as licenzas solicitadas.
Terra Chá1

Esta semana coñecíase a nova de que a Xustiza fallaba contra a empresa norueguesa Erimsa na súa tentativa de obter licenza para explotar o seixo da Terra Chá. Todo empezou no ano 2009, cando Erimsa presentou recursos contencioso-administrativos contra os concellos de Castro de Rei, A Pastoriza e Cospeito por entender que lle foran dadas licencias de explotación mineira por silencio administrativo. As licenzas recorridas pola empresa foron Karles e Alicia (Castro de Rei), Karles (Cospeito), Alicia (Cospeito), Alicia (A Pastoriza) e Pastoriza (A Pastoriza).

Nos cinco contenciosos que houbo, personáronse a Comisión contra as Minas na Terra Chá, comunidades de regantes, organizacións como o Sindicato Labrego Galego ou Adega, e particulares. Todos os contenciosos se foron resolvendo de xeito negativo para Erimsa ao longo de 2011 e 2012, acadando resolución o último deles en xaneiro de 2013 e cuxa denegación se facía oficial esta mesma semana.

Paralelas a estes procesos xudiciais, seguiron o seu curso as tramitacións doutras solicitudes de licenza presentadas en decembro de 2008. Tralos períodos de exposición pública e alegacións aos que obriga a lei, os servizos de urbanismo dos concellos afectados pediron informes ás consellarías de Medio Rural, de Economía e de Medio Ambiente, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Deputación de Lugo. O meirande destes informes foron desfavorables e o seu peso decisivo para que, o pasado 28 de xaneiro, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lle denegase as licenzas de explotación a Erimsa. Terra Chá 2

Aínda que a guerra foi gañada, fica aínda o perigo de que novos cambios lexislativos fagan posible que Erimsa poida explotar o seixo na Terra Chá, aínda que sexa a costa de destruír o entorno e o medio de vida dunha das bisbarras gandeiras máis importantes de Galiza. Por iso, a Comisión contra as Minas na Terra Chá pedirá que se declare a caducidade das concesións por inactividade.

Nos vindeiros días, a Comisión contra as Minas na Terra Chá convocará a toda a veciñanza afectada polos proxectos de Erimsa para informala dos fallos xudiciais e resolucións administrativas e consensuar as accións a emprender para que a ameaza mineira non se volva repetir; e tamén para agradecerlle o seu firme apoio e coherencia ao manterse contraria a uns proxectos empresariais que hipotecaban o futuro dunha comarca enteira.

 Antecedentes

 O conflito das minas da Terra Chá comezou a finais do ano 2006, cando se aprobaron tres concesións mineiras (Alicia, Karles e Pastoriza) que afectaban a máis de 5.700 hectáreas dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei e, en menor medida, a Abadín e Vilalba. Terra Chá 3

Dende aquela, a empresa presentou licencia urbanística para iniciar a actividade no ano 2008 nos concellos de Castro de Rei, A Pastoriza e Cospeito. Dende o intre da presentación, houbo dous períodos de exposición pública dos proxectos onde a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá, xunto con centos de veciños e veciñas, presentaron alegacións opoñéndose a estes proxectos. Ao mesmo tempo, a Comisión contra as Minas realizou un intenso labor informativo e reivindicativo, participando en varias manifestacións, e organizando dous festivais e ducias de charlas informativas, como a que correu a cargo do investigador responsable do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, Juan Ramón Vidal Romaní.

Comunicado da Presidenta da Plataforma Veciñal Corno do Monte

1. Somos unha asociación de veciños e non política, aínda que aceptamos calquer apoio que se nos brinde.

2. Gañamos a primeira batalla e seguiremos loitando ata gañar a guerra.

3. Queremos dar as grazas aos políticos que co seu voto apoiaron a nosa causa e que agardamos que a sigan apoiando.

A Presidenta da Plataforma.

Xinzo de Limia, 22 de Febreiro do 2013

Carta aberta ao Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia

Excelentísimo Sr. Presidente D. Alberto Nuñez Feijoo:

Dende a plataforma “Corno do Monte” queremos solicitar de vostede que obrigue ao cumprimento da lei e o respecto aos nosos dereitos, vixentes neste momento:

* Artigo 33 da Constitución Española no que se recoñece o dereito á propiedade e a herdanza.

* Artigo 37 da Lei do solo de Galicia 9/2002, do 30/12/2002. Solos rústicos de protección agropecuaria e de protección forestal.

O réxime dos solos rústicos de protección agropecuaria e de protección forestal, sen prexuízo do establecido na súa lexislación reguladora, ten por obxecto, respectivamente, preservar os terreos de alta produtividade agrícola, gandeira e preservar os terreos que sustentan masas forestais que deban ser protexidas e igualmente aquelas cuxa reforestación sexa de interese xeral. Estarán sometidos ao seguinte réxime:

1. Usos permitidos por licenza municipal:actividades de ocio, científicas, escolares e divulgativas peche ou valado de fincas.

2. Usos autorizables pola Comunidade Autónoma:

1.a) accións sobre o solo o subsolo que impliquen movemento de terra, tales como dragados, defensa de ríos e rectificación de caudais, abancalamentos,desmontes, recheos e outras análogas.

2.e) Construcións y rehabilitacións destinadas ao turismo rural e que sexan potenciadoras do medio ambiente onde se sitúen.

2.f) Infraestruturas e obras públicas: centros e redes de abastecemento de auga, enerxía eléctrica e gas, augas residuais, residuos sólidos, ferrocarrís, portos, aeroportos, telecomunicacións…

2.k) Construcións destinadas a actividades complementarias de primeira transformación, almacenamento e envasado de produtos do sector primario, sempre que garden relación directa coa natureza, extensión e destino da finca ou explotación do recurso natural

2.a) Construcións e instalacións agrícolas, viveiros, invernadoiros…

2.b) construcións e instalacións a apoio de la gandería extensiva e intensiva,

granxas , curros domésticos e instalacións apícolas.

2.h) construcións residenciais vinculadas a explotacións agrícolas o gandeiras.

3. USOS PROHIBIDOS:

OS DEMAIS, ENTRE ELES O APDO. 1,e: ACTIVIDADES EXTRATIVAS, INCLUIDA A EXPLOTACIÓN MINEIRA, CANTEIRAS E EXTRACCIÓN ÁRIDOS OU TERRAS

Ademais, as nosas terras son:

* de alta produtividade agro-gandeira

* están dentro dunha concentración parcelaria realizada a partir dos anos 70

* Recibíronse grandes axudas da Comunidade Europea e de Galicia, así como as nosas propias inversións para modernizalas

* Dan sustento de forma directa a mais de 100 familias e indirectamente a máis do dobre.

Polo que a pesar do que pensa algún técnico da Xunta que nos considera unha cagada de mosca nun mapa (0,008% de que??), nós os veciños desta parte da Limia e outros moitos que nos apoian da nosa provincia, consideramos que unha concesión mineira de calquera tipo sobre as nosas terras sería ilegal, inxusta, inmoral e contra toda ética.

Confiando no seu recto xuízo dámoslle as grazas.

Plataforma Veciñal

CORNO DO MONTE

O Alcalde de Xinzo da plantón aos veciños da Plataforma en contra da mina de Feldespato

Este martes 19 de Febreiro, tivo lugar unha asemblea multitudinaria en Rebordechá, convocada pola Plataforma Corno do Monte que se constituíu formalmente como asociación. A ela asistiron os veciños dos pobos que a integran San Pedro de Laroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos, Moreiras, Paredes e Rebordechá, ademais de representantes do Sindicato Labrego Galego, PSdeG-PSOE, BNG e Anova.

A portavoz da plataforma procedeu a lectura dun manifesto en contra da mina de Feldespato. Logo dela falaron os representantes políticos e sindicais, que mostraron o seu total apoio e disposición a colaborar cos veciños e veciñas.

A gran ausencia desta asemblea multitudinaria foi a do Alcalde de Xinzo e o seu grupo de goberno que foron convidados a asistir polos veciños, mais optaron por non presentarse sen comunicalo, dándolle deste xeito as costas aos afectados, deixando baleiros de contido tódalas súas palabras e grandes titulares na prensa.

Dende a Plataforma vemos este feito con suma preocupación, xa que a credibilidade do Alcalde está en dúbida, o que fai que os veciños e veciñas afectados esteamos totalmente desamparados polo noso representante máis próximo. Reprobamos a súa actitude de agocharse no concello sen dar a cara ante os veciños nin demostrar con feitos os seus titulares de prensa. Todo isto fainos dubidar seriamente das súas verdadeiras intencións.

Por elo instamos ao Alcalde a que faga o seu traballo e dea a cara ante e polos veciños e veciñas, xa que estamos falando do pan e o medio de vida de máis dun cento de familias, que diga cal é a súa verdadeira posición neste asunto e finalmente que demostre o que di nos xornais CON FEITOS.

A Plataforma Veciñal Corno do Monte oponse a mina de feldespatos e chama a que se integren nela os partidos políticos de Xinzo

A Plataforma composta por veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, todas elas pertencentes ao Concello de Xinzo de Limia, rexeitan a construción dunha mina de feldespato a ceo aberto que a empresa MINECER SL de CASTELLÓN, cun investimento de 1,2 M de euros, pretende levar a cabo nas inmediacións dos núcleos destas poboacións. A explotación mineira afecta a terreo agropecuario e cultivable dun total de 396 hectáreas.

O impacto económico deste proxecto sobre as poboacións afectadas, destruirá máis dun cento de empregos, dos cales case a súa totalidade son autónomos agrarios na zona (base da economía local) para crear só 10 posto dos cales 3, son de técnicos altamente cualificados.

O proxecto conta co posicionamento en contra do goberno municipal (PP) así como de tódolos partidos políticos con representación no consistorio limiao (PSdeG-PSOE, BNG, APGa, AIDAL, ANOVA), plasmado nun acordo plenario aprobado por unanimidade o 19 de Xullo do 2012.

Ademais do rexeitamento político e de sindicatos, os veciños da zona levaron xa a cabo varios centos de reclamacións ante a Xunta de Galicia.

A razón de todo isto, a Plataforma Corno do Monte que integra os veciños dos lugares afectados fan un chamamento a tódalas forzas políticas para que se integren na plataforma coa fin de coordinar conxuntamente tódalas accións necesarias para evitar que este proxecto prexudicial para a zona se leve a cabo.

Nace a Plataforma “Corno do Monte” en contra da explotación mineira de Feldespato

Reunidas máis dun cento de veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, todas elas pertencentes ao Concello de Xinzo da Limia, decidiuse por unanimidade crear a Plataforma “CORNO DO MONTE”.

A iniciativa xorde ante a preocupación veciñal acerca da posibilidade de explotación mineira da zona por parte da empresa MINERCER, S.L. cuxo proxecto Faramontaos 5089.1 se atopa en período de exposición pública, previo á resolución da Xunta de Galicia de conceder ou non licenza para dito proxecto.

Desde a Plataforma “Corno do Monte” manifestamos a nosa total oposición á explotación mineira de feldespato por considerarmos que:

* Supón unha ameaza directa para o benestar e calidade de vida

* É incompatible coa actividade agraria, fonte de recursos económicos da zona, ademais de estar situada en terreos de especial interese agrario

* A declaración de impacto ambiental que expón a empresa é incompleta e insuficiente

* Os accesos ás aldeas e zonas agrícolas veríanse gravemente prexudicados polo tránsito de camións de grande tonelaxe

* Destruiría empregos relacionados coa agricultura

* Incrementaría o abandono rural

* Tería unhas consecuencias ambientais e sociais sen retorno

A nosa posición, lonxe de querer polemizar, pretende ser unha canle mediante a que organizarnos e loitar polo ben común desde as bases sociais. E unímonos ao acordo tomado en sesión plenaria do 19 de xullo de 2011, polo que todos os grupos políticos con representación no Concello de Xinzo de Limia, asinaron unha moción conxunta instando á Xunta de Galicia a que procedese á denegación da concesión de dereitos mineiros. Así como daquela xa se presentaran preto de 500 alegacións, desta volta non queremos deixar de seguir coa nosa frontal oposición a este proxecto, polo que se presentarán novas alegacións ante a Consellería de Economía e Industria no prazo legal establecido.

Así pois, a vindeira semana haberá unha nova xuntanza veciñal aberta na que o grupo de goberno do Concello de Xinzo de Limia (Partido Popular) se comprometeu a expoñer a situación actual de dito proceso.

Por último, sinalar que esta Plataforma popular nace con ansia de permanencia no tempo, para unir esforzos ante outros temas de interese veciñal.

En San Pedro de Laroá, a 14 de febreiro de 2013