Arquivo por etiquetas: Xuntanza

A PLATAFORMA CORNO DO MONTE CELEBRARÁ ESTE VENRES UNHA XUNTANZA INFORMATIVA NA CASA DO CONCELLO DE XINZO

A plataforma de afectados celebra este venres unha xuntanza informativa para tódolos afectados da mina de feldespatos nos que inclúe a comerciantes, empresarios, grupos políticos da provincia e tódolos veciños da comarca.


A asociación “Plataforma Veciñal Corno do Monte” que representa aos veciños de San Pedro de xuntanzaLaroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos, Moreiras, Paredes e Rebordechá, celebrará este venres 8 de Marzo ás 20:30 da tarde unha xuntanza informativa que terá lugar no salón de Plenos da Casa do Concello de Xinzo. A ela están chamados os veciños do concello de Xinzo e a comarca da Limia, en especial comerciantes e empresarios de Xinzo xa que o impacto económico repercutirá de xeito especial sobre eles. Tamén están chamados a asistir tódolos grupos políticos da provincia que se pronunciaron varias veces en contra da mina.

A xuntanza ten por obxecto informar detalladamente das consecuencias que traerá consigo a mina de feldespatos Faramontaos 5089.1.

Dende a plataforma instamos a que se acheguen a ela todos, xa que estamos a tratar dun proxecto sumamente prexudicial para o presente e o futuro de Xinzo e a comarca da Limia.

XUNTANZA: VENRES 8 DE MARZO ÁS 20:30 da tarde

A Plataforma Veciñal Corno do Monte convoca a toda veciñanza afectada pola Mina de Feldespatos, das aldeas limiás de San Pedro de Laroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos, Moreiras, Paredes e Rebordechá, comerciantes, empresarios e demais veciños do Concello de Xinzo, que terá lugar:

VENRES 8 DE MARZO ÁS 20:30 DA TARDE 

LUGAR: SALÓN DE PLENOS DA CASA DO CONCELLO DE XINZO DE LIMIA CDM moras

O Alcalde de Xinzo da plantón aos veciños da Plataforma en contra da mina de Feldespato

Este martes 19 de Febreiro, tivo lugar unha asemblea multitudinaria en Rebordechá, convocada pola Plataforma Corno do Monte que se constituíu formalmente como asociación. A ela asistiron os veciños dos pobos que a integran San Pedro de Laroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos, Moreiras, Paredes e Rebordechá, ademais de representantes do Sindicato Labrego Galego, PSdeG-PSOE, BNG e Anova.

A portavoz da plataforma procedeu a lectura dun manifesto en contra da mina de Feldespato. Logo dela falaron os representantes políticos e sindicais, que mostraron o seu total apoio e disposición a colaborar cos veciños e veciñas.

A gran ausencia desta asemblea multitudinaria foi a do Alcalde de Xinzo e o seu grupo de goberno que foron convidados a asistir polos veciños, mais optaron por non presentarse sen comunicalo, dándolle deste xeito as costas aos afectados, deixando baleiros de contido tódalas súas palabras e grandes titulares na prensa.

Dende a Plataforma vemos este feito con suma preocupación, xa que a credibilidade do Alcalde está en dúbida, o que fai que os veciños e veciñas afectados esteamos totalmente desamparados polo noso representante máis próximo. Reprobamos a súa actitude de agocharse no concello sen dar a cara ante os veciños nin demostrar con feitos os seus titulares de prensa. Todo isto fainos dubidar seriamente das súas verdadeiras intencións.

Por elo instamos ao Alcalde a que faga o seu traballo e dea a cara ante e polos veciños e veciñas, xa que estamos falando do pan e o medio de vida de máis dun cento de familias, que diga cal é a súa verdadeira posición neste asunto e finalmente que demostre o que di nos xornais CON FEITOS.

A Plataforma Veciñal Corno do Monte oponse a mina de feldespatos e chama a que se integren nela os partidos políticos de Xinzo

A Plataforma composta por veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, todas elas pertencentes ao Concello de Xinzo de Limia, rexeitan a construción dunha mina de feldespato a ceo aberto que a empresa MINECER SL de CASTELLÓN, cun investimento de 1,2 M de euros, pretende levar a cabo nas inmediacións dos núcleos destas poboacións. A explotación mineira afecta a terreo agropecuario e cultivable dun total de 396 hectáreas.

O impacto económico deste proxecto sobre as poboacións afectadas, destruirá máis dun cento de empregos, dos cales case a súa totalidade son autónomos agrarios na zona (base da economía local) para crear só 10 posto dos cales 3, son de técnicos altamente cualificados.

O proxecto conta co posicionamento en contra do goberno municipal (PP) así como de tódolos partidos políticos con representación no consistorio limiao (PSdeG-PSOE, BNG, APGa, AIDAL, ANOVA), plasmado nun acordo plenario aprobado por unanimidade o 19 de Xullo do 2012.

Ademais do rexeitamento político e de sindicatos, os veciños da zona levaron xa a cabo varios centos de reclamacións ante a Xunta de Galicia.

A razón de todo isto, a Plataforma Corno do Monte que integra os veciños dos lugares afectados fan un chamamento a tódalas forzas políticas para que se integren na plataforma coa fin de coordinar conxuntamente tódalas accións necesarias para evitar que este proxecto prexudicial para a zona se leve a cabo.

Xuntanza o Martes 19 de Febreiro ás 20:30

Este Martes 19 de Febreiro ás 20:30 celebrarase en Rebordechá unha xuntanza.
Dende a plataforma queremos darlle a máxima visibilidade á nosa TOTAL OPOSICIÓN A ESTE PROXECTO.
Asistide se podedes como veciñas e veciños afectados, que somos todos/as.