Resposta da rede ContraMINAcción ao Colexio Oficial de Xeólogos de Galicia

ContraMINACCIÓN rexeita a tosca manipulación á que se presta o Colexio Oficial de Xeólogos a través do seu presidente, Luis Suárez Ordóñez, apoiando o proxecto mineiro de Corcoesto. O contido da declaración non deixa lugar a dúbidas da súa postura totalmente en liña cos intereses empresariais dos promotores do proxecto, sen que sexa doado distinguir onde comeza a posición do Colexio e onde remata a da empresa. Talvez este sexa o motivo polo que se cae nos mesmos argumentos, tantas veces cuestionados por diferentes organizacións, incluída ContraMINAcción.

 

Unha primeira manipulación vémola no insistente e falso –en termos científicos– intento de ligar a actividade mineira co concepto de sustentabilidade. Falar de minaría sustentable ou de “explotación sustentable” dos recursos mineiros é un claro exemplo do que se define como oxímoro. Non se pode chegar a unha contradición maior que falar de sustentabilidade ao tempo que se explotan recursos non renovábeis e se pon en perigo a saúde e o ambiente. Nestas circunstancias, calquera iniciativa de que as xeracións futuras poidan gozar duns recursos nas mesmas condicións que a nosa é unha imposibilidade manifesta. Até certo punto podería ser obxecto de debate científico que forma de explotación dos recursos non renovábeis resulta menos lesiva ou nociva ambientalmente, mais que exista unha actividade con posibilidades de permanencia no tempo que garanta aos nosos fillos e fillas, netos ou netas, poder seguir manténdoa cara o futuro só está garantido nos recursos renovábeis –na produción de alimentos, de recursos forestais, pesqueiros, etc.– e sempre que estes sexan utilizados evitando a súa degradación ou a destrución da capacidade de rexeneración. Por tanto, e por definición, o uso dos recursos mineiros é un uso insustentábel, independentemente do tipo de minaría que se practique. Isto percíbese facilmente cando atendemos, por exemplo, aos datos sobre como está a evolucionar o esforzo mineiro a realizar, as toneladas de terra a remover, a lei do mineral que se obtén, etc.

 

Resulta especialmente molesta a referencia pouco sutil á suposta ignorancia das persoas que se opoñen abertamente ao proxecto mineiro de Corcoesto. Máis molesto se cabe se estas palabras son emitidas por quen representa a un “Ilustre Colexio Oficial” de profesionais titulados na universidade, atribuíndose unha sorte de exclusividade no acceso á información e unha capacidade de raciocinio propio dunha sociedade estamental ou de castas. Mais a ciencia tamén ten demostrado que calquera ser humano, polo feito de selo, está dotado desa capacidade e que cando se nos di que “o descoñecemento de parte da cidadanía sobre a orixe destas materias primas, provoca movementos de oposición baseados na desconfianza, pero que carecen de fundamento científico”, sabemos que estamos diante dunha afirmación que constitúe unha falacia denominada argumento ad hominem, é dicir, unha argumentación que pretende establecer a falsidade dos postulados dos que se opoñen ao proxecto mineiro atribuíndolles un descoñecemento científico suposto sen que se entre a razoar onde residen os erros dos argumentos antimineiros ou, con demostracións científicas verificables, onde se acha a suposta ausencia de fundamento científico. Ao tempo esta falacia sopórtase noutra do tipo argumentum ad verecundiam, é dicir dar por suposto que tais coñecementos científicos e, polo tanto, a razón están do lado do Colexio Oficial de Xeólogos porque teñen a autoridade na materia. Sobra dicir que tais argumentos falaces van en contra de calquera razoamento científico serio. Por iso afirmamos que o que nos sobra é ese coñecemento científico que se nos quere negar, e dese coñecemento científico vén a certeza das razóns para a desconfianza. Por se non for suficiente existen evidencias do modo de traballar das transnacionais mineiras denunciadas en todo o mundo e mesmo polas Nacións Unidas para saber que o que menos se pode facer é confiar nelas, nin deixarse levar polos seus cantos de serea. Sabemos de onde veñen esas materias primas, quen as manexa e a onde van. Tamén sabemos que sempre hai mercenarios –mesmo con titulacións universitarias– dispostos a poñerse diante das batallas promovidas por outros e que, calquera que sexan as armas ou estandartes que enarboren, iso non lles outorga a razón. Por moi colexiados universitarios que sexan por moito que metan a palabra ciencia no medio dos seus argumentos, por moito que insinúen a ignorancia dos demais, a razón, os criterios de verdade ou erro, non se teñen por quen argumenta senón polo contido do argumentado. E nese debate aberto e público estámolos agardando desde hai tempo, cando queiran.

Nas declaracións do sr. Luís Suárez, tamén se afirma que”existen solucións científicas, tecnicamente viables, a todos os problemas que se propoñen na explotación”. É curiosa a forma en como se expresa ou redacta, acaso propóñense problemas na explotación?, mais ben a empresa négaos insistentemente e os demais denunciámolos. Esas “solucións científicas, tecnicamente viables” –a cales se refiren? ás cacarexadas pola empresa?– son, como moito, paliativos, é dicir, mitigan o dano mais non o evitan nin reverten o problema. As solucións para selo, deben remediar os problemas, é dicir, evitalos, previlos ou facelos desaparecer. Até agora nada do presentado evita, prevén ou fai desaparecer os problemas coñecidos e os non recoñecidos.

 

É magoa que o representante do Colexio Oficial de Xeólogos non coñeza o fenómeno dos pobos mineiros fantasma que se estenden por todo o planeta, e mesmo non distingan os efectos segundo o tipo de minaría, o tempo de explotación do xacemento, os efectos negativos sobre as estruturas sociais e económicas de tantos lugares. Doutro xeito, de coñecelos, con certeza non afirmaría tan alegremente que “as minas son motores económicos das súas comarcas e unha vez restauradas convenientemente poden e deben achegar oportunidades de actividade económica alternativa”. A que alternativas se refire? Enuméreas, por favor. Acaso será o turismo de catástrofes? Aulas ambientais para ver o que non debeu ser? Parque de atraccións de risco (de saúde)? Laboratorio de economía insustentábel? Se como afirma “os exemplos destes feitos son numerosos”. Díganos onde? Cantos? Cales deles serían trasladábeis, como e por que ao caso de Corcoesto? Desexamos sabelo e velos. E non será, señor Suárez, que hai máis numerosos exemplos do contrario?

 

Para rematar, ContraMINAcción congratúlase da afirmación final de que “o noso benestar tamén sae da terra”. Aí falaron, non poderíamos estar máis de acordo. Estamos de acordo na súa literalidade mais non o que pretenden dicir con ela. O noso benestar sae da terra mais non vén da minaría senón dos alimentos que a terra nos fornece, da auga e os ciclos de autodepuración natural, do ar limpo, dos bosques e ecosistemas que manteñen a biodiversidade, etc. Ese é o benestar que queremos preservar, o que, cientificamente falando, pode ser definido como sustentable.

 

As principais formacións políticas galegas xa teñen a táboa reivindicativa de ContraMINAcción para evitar o saqueo do noso territorio a man das empresas mineiras

30 de novembro de 2013

Na xornada de onte, 29 de novembro, mantivéronse encontros con PP, BNG e AGE
A plataforma contraMINAcción continuou onte, 29 de novembro, a súa rolda de contactos cos partidos políticos de maior representación na Galiza co obxectivo de trasladarlles unha táboa reivindicativa (achégase xunto a este comunicado) con 13 medidas para poñer a salvo o noso territorio da depredación destrutora e lucrativa da minaría salvaxe. Tras facelo a semana pasada co PsdG e CxG, desta vez as xuntanzas foron co Partido Popular (PP), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Nesta ocasión, representaron a ContraMINAcción Isabel Vilalba Seivane e Margarida Prieto Ledo (Sindicato Labrego Galego), Paco García Trigo (Plataforma en defensa de Corcoesto), Marcos Celeiro (O Iribio), María Díaz (Plataforma Veciñal Corno do Monte) e Xoán Doldán (Véspera de Nada).
A primeira das xuntanzas tivo lugar no Parlamento de Galicia cos deputados do PP, Miguel Tellado e Aurelio Núñez, que escoitaron as propostas de ContraMINAcción e se comprometeron a trasladarllas ao seu grupo parlamentario e aos responsables no goberno da Xunta en áreas como Medio Ambiente ou Industria. En concreto, compartimos cos deputados populares a nosa fonda preocupación diante de accións políticas da Xunta encamiñadas a eliminar os obstáculos legais que existen para impedir que as empresas mineiras saqueen o noso territorio ao seu antollo: o borrador do Plan Sectorial de Actividades Extractivas ou a modificación que se quere levar a cabo da Lei do Solo apuntan nesa dirección, deixando indefensos o solo de especial protección agropecuaria, os espazos de interese natural ou os recursos hídricos, diante de actividades destrutoras e especulativas a curto prazo como a minaría.
Outro dos impactos denunciados ten que ver coa inexistencia de leis que obriguen ás empresas mineiras a reparar toda a desfeita que deixan tras súa. Tristemente, na Galiza xa temos sufrido en demasiadas ocasións actividades mineiras que, ao rematar, deixan grandes áreas erosionadas nas que desapareceu o solo; fontes, mananciais e ríos extinguidos; perda de postos de traballo e desaparición de actividades económicas ligadas ao territorio agredido; ou balsas de lodos tóxicos e contaminación permanente da terra e da auga. Trátase de danos irreparables ou cuxa rexeneración esixe un altísimo custe que sempre acaba pagando a cidadanía. Precisamente, os 13 puntos da táboa reivindicativa de ContraMINAcción abordan todas as problemáticas devanditas.
No encontro co Bloque Nacionalista Galego (BNG) -representado por Xavier Vence, Ana Pontón e Saleta Chao- analizouse a proposta que presentaron no Parlamento de Galicia, esta mesma semana, para prohibir o uso de cianuro en explotacións mineiras, e que foi rexeitada pola maioría do PP.
Pola súa banda, representaron a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE): Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez García e Manuel Santos. Con eles, coincidimos na preocupación pola perda de superficie agraria útil que está a sufrir Galiza por mor do acaparamento de terras a mans de empresas que operan a curto prazo e que, como as mineiras, non teñen nada que ver nin co medio rural, nin coa produción de alimentos, deixando o territorio que explotan desfeito e inservible para calquera outro uso. Neste senso, analizáronse datos como o feito de que Galiza estea a gastar cada ano máis de 900 millóns de euros en importar alimentos, mentres o meirande das súas explotacións agrogandeiras teñen serios problemas para acceder a máis base territorial para poder producir.
Tanto BNG como AGE, do mesmo xeito que a semana pasada CxG, amosáronse de acordo coas liñas xerais da táboa reivindicativa de ContraMINAcción. Dende os colectivos que integramos esta plataforma cidadá, agardamos que os partidos políticos galegos se comprometan a defender estas demandas e a difundilas entre a cidadanía. Trátase de xuntar os esforzos dos colectivos sociais e dos partidos políticos de cara a que a xente estea informada e saiba até onde pode chegar o impacto da minaría salvaxe e como pode afectar e causar danos irreversibles ao seu medio de vida e ao lugar onde habita.
Dende ContraMINAcción agardamos que esta información sexa do voso interese, e pedímosvos que lle deades a máxima difusión posible nos medios de comunicación cos que traballades. Estamos todos e todas no mesmo barco e de todos e todas é a terra que está ameazada.

Avaliación das xuntanzas mantidas entre ContraMINAcción , CxG e PSdG-PSOE

25 de Novembro do 2013

Na tarde do pasado venres, 22 de novembro, integrantes da rede cidadá ContraMINAcción levaron adiante a primeira rolda de contactos coas forzas políticas galegas no marco dunha estratexia de diálogo que pretende aclarar cal é o posicionamento de cada un destes partidos respecto do plan de explotación mineira da práctica totalidade do territorio galego elucubrado por distintas empresas transnacionais de coñecida traxectoria destrutiva noutros países.

A primeira das xuntanzas tivo lugar coa formación Compromiso por Galicia (CxG), acudindo o seu secretario xeral, Xoan Bascuas, e Rocío López Pacio, integrante do Consello Político Nacional de CxG. Logo de revisar o documento proposto por ContraMINAcción, con trece puntos a asumir polas formacións políticas para facer fronte á destrución do territorio galego –adxunto neste comunicado-, CxG manifestou a súa total concordancia coas pautas presentadas e comprometeuse a elaborar un posicionamento público apoiando esta folla de ruta contra o plan de destrución medioambiental e do tecido produtivo galego que empresas como as canadenses Edgewater e Medgold Resources, a norueguesa Erimsa ou a anglosudafricana Picobello Andalucita, entre outras, pretenden aplicar sobre máis de 50.000 hectáreas do noso territorio.

Máis controvertida resultou posteriormente a reunión cos socialistas Carme Gallego e Abel Losada, vicevoceira da área de Medioambiente e voceiro de Industria do grupo parlamentar do PSdG, respectivamente.Ao igual que o Partido Popular na Xunta de Galiza, o Partido Socialista está a apoiar dende o Goberno do Principado de Asturias plans de extracción que optan polo emprego de substancias altamente contaminantes nas súas prospeccións, coma é o caso da polémica compañía AsturGold, propiedade do consorcio de inversión ruso-canadense CP Capital.

Consecuentemente, ao respecto das medidas propostas por ContraMINAcción para Galiza, sinalaron con rotundidade o seu rexeitamento aos aspectos recollidos no punto 5, referido á oposición á entrada de novos proxectos de megaminería destrutiva no País e á necesidade de velar polo cumprimento estrito da normativa medioambiental galega.

Así mesmo, opuxéronse a que sexan retiradas as subvencións públicas e/ou incentivos económicos concedidos aos proxectos mineiros –recollido no punto 12 do citado documento-,cuxo indignante reparto está a ser novamente nestes días obxecto de argumentadas críticas a través dos medios de comunicación, denunciando, entre outros preocupantes aspectos, a concesión de ata 153.608,80 € de subvención directa para Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), entidade que malia adicarse a “fomentar o desenvolvemento da minaría, así como representar, defender e promover os intereses dos socios”, foi quen de obter a contía máis alta das outorgadas pola Xunta no surrealista epígrafeconcesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o fomento do sector mineiro galego” (DOG Nº59 do 25 de marzo de 2013, páx.8861).

Porén, Carme Gallego e Abel Losada si admitiron estar ao tanto dos intereses económicos que agochan este tipo de subvencións, e non se sorprenderon cando as/os representantes de ContraMINAcción argumentaron que a necesidade de prohibir este tipo de financiamento xorde da distorsión que actualmente están a ter os orzamentos públicos neste sentido, tendo sido outorgados inxentes cantidades de cartos baixo epígrafes ambiguos como o de “investigación universitaria” que, en realidade, son dirixidos a desenvolver a primeira parte dos plans extractivos destas empresas, é dicir, a análise prospectiva dos terreos.

Cómpre lembrar que esta primeira fase de exploración é coñecida no argot do negocio como de “risco mineiro”, debido ao tempo e diñeiro que as empresas teñen que gastar nesta etapa, fase que arestora está a ser financiada cos cartos da cidadanía galega, de tal xeito que estas empresas cuxa actividade leva canda si contaminar as nosas augas e destruír o noso territorio, están a empregar cartos públicos para botar a andar os seus proxectos, precisamente nun momento no que a cidadanía galega está asistindo a recortes económicos en servizos básicos como a educación e a sanidade públicas.

Opoñéndose a apoiar o punto número 12 das medidas propostas pola rede cidadá ContraMINAcción, o PSdG rexeita tamén que o criterio de sustentabilidade sexa fundamental á hora de apoiar a investigación de proxectos dirixidos á consecución de minerais. A fin de que esta formación política revise e actualice tanto este posicionamento coma o referido ao financiamento de estratexias de investigación, representantes de Contraminacción déronlle a coñecer datos referidos á obtención de minerais como o ouro a través do que se coñece coma minaría urbana, moi desenvolvida en países europeos nos últimos anos. Segundo os cálculos do Programa Medioambiental de Nacións Unidas (UNEP), 40 teléfonos móbiles conteñen aproximadamente a mesma cantidade de ouro que nunha tonelada de mineral sen peneirar. En resumo, atendendo aos últimos estudos realizados no Estado, nestes momentos habería máis ouro en SOGAMA que o que se podería chegar a extraer furando unha mina en Corcoesto.

Con respecto ao polémico Plan sectorial de Actividades Extractivas de Galicia (PSAEG) elaborado pola COMG, incoherente texto no que se afirma que “O sector mineiro é pioneiro na protección do medio ambiente” pero que ao mesmo tempo establece explotacións mineiras en 3 dos 6 parques naturais galegos, o PSdG manifestou estar a favor de dito plan porque “mellor un plan sectorial a que un concelleiro decida el na cafetería que minas se aproban“, asumindo con preocupante naturalidade o grao de corrupción existente a día de hoxe no Estado Español.

Por último, cómpre salientar da información presentada nesta xuntanza a confirmación por parte dos representantes do PSdG de que son plenamente conscientes de que non se está a respectar a normativa europea de publicidade e información cidadá que esixe unha completa difusión pública deste tipo de proxectos polo menos durante seis meses.

Neste senso, é preciso lembrar que en reiteradas ocasións os colectivos integrantes de ContraMINAcción denunciaron a ocultación e vulneración dos dereitos da cidadanía en relación aos proxectos mineiros, ao detectarse a exposición pública parcial da documentación referida aos mesmos, o non recoñecemento da condición xurídica de “persoa interesada” nos expedientes a persoas e colectivos, a non publicación de información sensíbel nos boletíns oficiais ou taboleiros e un lamentábel etcétera, no que podemos destacar o feito de que proxectos de extracción mineira coma o de Corcoesto estiveron a exposición pública unicamente durante trinta días.

No marco desta rolda de consultas sobre o posicionamento dos partidos políticos galegos respecto das megaexplotacións de transnacionais mineiras na Galiza, unha segunda xeira de reunións terá lugar no Local Nacional do Sindicato Labrego Galego (SLG) en Compostela o vindeiro venres 29 de novembro, con representantes da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ás 16.00hrs., e do Bloque Nacionalista Galego (BNG) ás 18.00hrs.

Nas últimas horas vén de confirmar tamén a súa participación nesta rolda de consultas o Partido Popular (PPdG), á espera nestes momentos de concretar data e hora dunha posíbel xuntanza.


Dende a rede cidadá ContraMINAcción agardamos que esta información sexa do voso interese,  e agradecémosvos enormemente a vosa atención e apoio.

COMUNICADO DA PLATAFORMA VECIÑAL CORNO DO MONTE, ANTE A INFORMACIÓN DADA POLA TVG NO TELEXORNAL MEDIODÍA

Este xoves 13 de Xuño, a Plataforma Veciñal Corno do Monte foi entrevistada por xornalistas da TVG a petición dos mesmos. tvg

Nas declaracións feitas polos membros da Plataforma Veciñal deixouse claro que:

– nas declaracions do Presidente da Xunta reflexase o traballo feito polos veciños da Limia, e especial os dos oito pobos afectados directamente, en contra da mina Faramontaos 5089

– mentres non estea por escrito onde debe estar(en alusión a resolución negativa que debe emitir o Consello da Xunta e a súa posterior publicación nos boletíns oficiais), a veciñanza non considerará denegada a licenza

– así mesmo exisimos a eliminacion da concesion mineira Faramontaos 5089, para non andar con estas leas cada 3 días.

– ademais débese cambia-lo actual plan sectorial de actividades extractivas, xa que a súa aprobacion significaría a aprobación de calquer mina e en calquer lugar de Galicia, feito que nos ameaza continuamente a nós.

Vista a noticia emitida pola Televisión de Galicia, consideramos que non se axusta ao rigor e ética xornalística propia desta noble profesión, tendo o agravante de que estamos a falar dun medio galego e dos galegos, que sostemos cos nosos impostos e do que agardamos o máximo rigor e IMPARCIALIDADE.

Todo isto débese a que a noticia deixa idea no espectador de que este problema xa está resolto (“Os agricultores deixaron as mobilizacións e contentos volveron ao campo”) cando esa non é a verdade, pois as declaracións do Presidente non deixan ser meras declaracións sen validez legal algunha.

Ante estes feitos queremos deixar claro que:

  1. As declaracións do Presidente da Xunta son o reflexo do traballo e esforzo feito pola veciñanza Limiá, en especial das aldeas afectadas.
  2. A LICENZA NON ESTARÁ DENEGADA ATA QUE SE CUMPLAN OS REQUISITOS LEGAIS, que agardamos que se tramiten coa máxima celeridade posible
  3. O proxecto mineiro de Minercer SL afecta a 1400 hectáreas, das cales 1200 son cultivadas tódolos anos.
  4. A AMEAZA MINEIRA NA LIMIA continuará mentres a Xunta non ELIMINE A CONCESIÓN MINEIRA.
  5. A veciñanza integrada toda na Plataforma Veciñal Corno do Monte, non cesará as mobilizacións ata que o Plan Sectorial Mineiro cambie e se resolva a problemática das minas xerada polos gobernantes.
  6. A Plataforma Veciñal Corno do Monte non cesará o seu contínuo apoio a tódalas plataformas galegas integradas en Contraminacción.

Agardamos a rectificación da noticia para que sexa contada conforme aos canons da ética xornalística.

Preme para ver a nova: http://www.crtvg.es/informativos/os-agricultores-da-limia-contentos-porque-a-xunta-no-autorizou-a-mina-de-feldespato-606964

A PRESIÓN DA VECIÑANZA LIMIÁ, OBRIGA A FEIJOO A POSICIONARSE EN CONTRA DA MINA DE FELDESPATOS

Tralas contínuas mobilizacións da veciñanza afectada pola mina, co contínuo apoio de toda a comarca, asociacións, organizacións ecoloxistas, partidos políticos e sindicatos, o Presidente da Xunta recoñece publicamente a incompatibilidade da mina co agro e a gandería.

DSC_3296Sen lugar a dúbidas a histórica tractorada do 25 de maio que tivo lugar en Xinzo foi o empurrón definitivo que obrigou ao máximo mandatario galego a posicionarse en contra da Mina de Feldespatos. Esta victoria corresponde só e únicamente a veciñanza afectada, que con coraxe e valentía enfrontouse as mentiras e deixou claro que co seu pan e co dos seus fillos, NON SE XOGA.

En todo momento os veciños da aldeas afectadas actuaron unidos contra este devastador proxecto axudados de todos aqueles que lles ofreceron o seu apoio desinteresado.

Porén, a declaración do Presidente na Sede Parlamentar, non deixa de ser unha mera declaración de intencións, polo que de momento carece do máis mínimo valor legal e xurídico. Xa que o único que vale e conta é a resolución en contra da mina por parte do Consello da Xunta e a súa posterior publicación nos diarios oficiais. P1080306

A pesares de que a intención por parte do Presidente da Xunta é un éxito a celebrar por parte da veciñanza que foi a que o conseguiu, a AMEAZA MINEIRA SEGUE PRESENTE, dado que Minercer SL continúa mantendo os dereitos de explotación e nada impide que nun futuro próximo poida presentar este proxecto.

DSC_3268Por esta razón, a veciñanza aproveitando o bo dispor e o bo xuízo do Presidente, reclama que os DEREITOS DE EXPLOTACIÓN SEXAN RETIRADOS, posto que sempre existen fórmulas legais para facelo. Querer é poder.

Doutra banda, resulta un tanto chamativo o paso atrás ante a opinión pública da actividade mineira, cando xuridicamente o Plan Sectorial Mineiro segue para adiante. Isto supón que legalmente non hai quen pare a minería en Galicia. Así que agardamos por parte do Presidente que faga o correcto e impida que vaia adiante.

 

Manifestación en Santiago

Texto que foi lido na manifestación de Santiago de Compostela este 2 de Xuño sobre A Limia.

Na Limia, temos o millor Entroido do mundo e producimos as millores patacas, como todos saben.

E iso e o que queremos defender, defender a nosa forma de vida como fixeron os nosos ancestros, como o facedes vos, os labregos e gandeiros actuais, como o faremos nos, as xeracions vindeiras.

Polo noso futuro, pedimos un plan sectorial, non para axudar a por minas, senon para o desarrollo da agricultura e gandaria, un plan que fomente e axude o desenvolvemento das zonas agricola-gandeiras de Galicia, que representan o 90% da economia galega, que son as que prevalecen e deben prevalecer en Galicia, e non as actividades que represenan o 1%, as mineiras.

Tamen pedimos que se axude a instalacion de novas empresas de transformacion dos nosos productos, e con ese plan sectorial agricola-gandeiro, señores da Xunta, con el crearemos empregos e aseguraremos o futuro da nosa terra e o futuro dos nosos fillos.

Porque a Limia non e unha mina.

Porque Galicia non e unha mina.

Se queres ve-las imaxes clica aquí: https://www.facebook.com/plataformacornodomonte/photos_stream

ContraMINAcción chama á cidadanía galega a apoiar a manifestación do 2 de xuño para defender o noso país da minaría salvaxe

Comunicado da Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza do 31 de Maio do 2013

O colectivo ContraMINAcción chama a toda a cidadanía galega a apoiar masivamente a manifestación que se celebrará este domingo, 2 de xuño, en Santiago de Compostela, para obrigar á Xunta de Galiza a escoitar un sentir maioritario que se opón ao acaparamento e destrución de amplas zonas do noso territorio a mans da industria mineira.

ContraMINAcción fai este chamamento porque ao amplo historial destrutivo da minaría no noso país, que contou sempre coa conivencia dos poderes públicos, quérense sumar agora ducias de novos proxectos que ameazan con arrasar -coa posta en marcha de explotacións altamente contaminantes e a ceo aberto- comarcas como A Barcala, A Fonsagrada, A Limia, Ancares, Baixo Miño, Bergantiños, Celanova, Compostela, O Eume, Ordes, O Ribeiro, Terra Chá, Terra de Soneira, Vigo ou Xallas.

Os novos proxectos mineiros que pretende autorizar a Xunta en Baleira, Baralla, Becerreá, Castrelo de Miño, Corcoesto, Frades, Fragas do Eume, Mesía, O Pino, Oroso, Santa Comba, Santiago, Serra de Fontecuberta, Serra do Galiñeiro, Trasmiras, Xinzo ou Zas, destruirán espazos protexidos de incalculable valor ecolóxico, esquilmarán a terra da que viven miles de labregos e labregas e obrigarán ao exilio forzoso a todas aquelas persoas que tiveron a mala sorte de ter os seus fogares sobre recursos mineiros de dubidosa utilidade pública e cos que certas empresas queren especular para o seu único e exclusivo lucro privado.

Dende ContraMINAcción queremos expresar o noso máis sincero agradecemento aos apoios recibidos dende a sociedade civil, a través das adhesións de máis de medio cento de organizacións e colectivos de Galiza, do Estado Español e de América Latina que detallamos a continuación: Agrupaçom de Montanha Augas Limpas, Asociación Naturalista de Defensa Ambiental Ribeiras do Miño, Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen Petróleo, Associação Socio-Cultural O Iríbio, Comisión contra as Minas da Terra Chá, Contramínate de Laxe, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma pola Defensa do Galiñeiro, Plataforma Veciñal Corno do Monte, Salva la Selva, Santa Comba Viva, Sindicato Labrego Galego, SOS Groba, Verdegaia, Galiza Non Se Vende (GNSV), FEG – Federación Ecoloxista Galega, Galiza Nova, NÓS-UP, Partido da Terra, Espazo Ecosocialista Galego, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Anova Irmandade Nacionalista, Associaçom Cultural Revira de Pontevedra, Confederación Intersindical Galega (CIG), A.C. Caldeirón de Malpica, Asociación Monte Pindo Parque Natural, Federación Rural Galega (FRUGA), Centro social Mádia Leva!, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Plataforma Oro No (Tapia de Casariego), Centro Social Fuscalho (Baixo Minho), Fur Alle Falle, Rural C, Espazo Agroecolóxico A Estruga (Viveiro-Lugo), Fronte Cívica Somos Maioría da provincia de A Coruña, Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido”, A.C. Almuinha de Marim, C.S. Gomes Gaioso, Asociación Cultural FUCO BUXÁN, Asociación Cultural Fillos de Galicia, Frente Popular Galega (FPG), Grupo Ecoloxista ADENCO. Asociación para a Defensa da Natureza do Condado, Plataforma cidadá Proxecto Cárcere, Compromiso por Galicia (CxG), A.C. Almuinha de Marim, CNT de Betanzos, Noalamina Esquel (Arxentina), Asociación Veciñal de Esteiro-Ferrol, Asociación Pola Defensa da Ría (APDR, Pontevedra), Asociación Ecologista Arco Iris, Amigos da Terra, Radio Ucamara en Nauta (Loreto, Perú), Cooperativa Agricultura Ecoloxica Raínha Lupa (Quilmas), Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, ENTREPOBOS/ENTREPUEBLOS/ENTREPOBLES/HERRIARTE, Plataforma de Seguimiento de las Industrias Extractivas (PSIE), Movimiento No a la Mina (Argentina) – Asamblea Buenos Aires No a la Mina, El Observatorio Latinoamericano de Conflictos Ambientales OLCA (Chile), Xuventude Comunista, Observatorio de Conflictos Mineros en América Latina OCMAL (40 organizacións: http://www.conflictosmineros.net/quienessomos/), Acción Ecológica de Ecuador, Defensa y Conservacion Ecológica de Intag (Ecuador), Asociación Jalisciense de Apoyo a los Grupos Indígenas (AJAGI. Jalisco, México), Agrupaçom Cultural O Facho, Colectivo Ecoloxista Luita Verde, Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Bloque Nacionalista Galego (BNG), Colectivo Ecoloxista do Salnés, Ecologistas en Acción, Xuventudes Socialistas de Galicia e Departamento Justicia, Paz y Salvaguarda de la Creación (Obispado Copiapó, Chile).

A manifestación partirá da Alameda ás 12:00 horas e percorrerá rúas compostelás como a Senra, Praza de Galicia, Doutor Teixeiro, Hórreo, Toural ou o Vilar, para rematar na praza da Quintana. Alí, representantes das organizacións e colectivos que integran ContraMINAcción ou que loitan contra este tipo de proxectos sen necesidade de pertencer a esta plataforma, lerán un manifesto coral co que tentarán sensibilizar á sociedade galega desta ameaza global que afecta ao país enteiro.